Rolando Caldas (Pulpo.Con e Vitae): “En Galicia hai referentes informáticos mundiais, e iso é un feito”

mércores, 21 de maio do 2025 S. P.

No panorama de eventos tecnolóxicos anuais máis destacados en Galicia atópase a conferencia Pulpo.Con, cita gastro-tecnonolóxica que se celebra este ano entre o 19 e o 21 de setembro na cidade de Vigo, e que inclúe tres días de xornadas, 14 obradoiros e outras tantas charlas de renomeados expertos nacionais e internacionais, cuxo obxectivo (en boa medida) é meterse a fondo nos principios e nas vantaxes e desenvolver e deseñar ferramentas coas metodoloxías crafter e clean code. Detrás deste evento atópase Rolando Caldas, organizador da conferencia e integrante do equipo de formadores de Vitae Consultores, referente na capacitación avanzada de profesionais das TIC. En Código Cero quixemos abordar a Rolando coas nosas preguntas sobre estes tres ámbitos de actividade: tecnoloxía, gastronomía e formación (Vitae). Na súa opinión, xa vai sendo hora de que caiamos na conta de que en Galicia temos profesionais de “altísimo nivel”.

-Rolando, non só tes experiencia puramente formativa e desenvolvedora, senón que tamén contas cunha ampla bagaxe en organización de eventos internacionais centrados no software. De feito, estás detrás de PulpoCon, cita na que se xunta cada ano boa parte da comunidade de desenvolvedores de Galicia e a súa área de influencia, participando nun amplo programa de charlas e obradoiros. Como definirías PulpoCon? Que nos vai deparar a nova edición e para cando está prevista? Que beneficios reporta PulpoCon para a nosa comunidade de desenvolvedores?
-A PulpoCon é moito máis ca unha conferencia técnica: é un punto de encontro para todas aquelas persoas que queren facer software con coidado, con criterios sólidos e con visión a longo prazo. Naceu coa idea de achegar o movemento crafter a Galicia, pero nestes cinco anos converteuse nunha cita obrigada para centos de persoas do sector, cun ambiente próximo e amable no que compartir coñecemento sen poses nin artificios.
De feito, temos a sorte de que profesionais dun altísimo nivel técnico, mais que non adoitan sentirse cómodas ou seguras falando en público, escollen PulpoCon como a conferencia onde se senten con liberdade para compartir o seu coñecemento a través dunha charla ou obradoiro.
A vindeira edición será os días 18, 19 e 20 de setembro de 2025 en Vigo, e queremos que sexa especial: celebraremos a quinta edición, na que intentaremos ofrecer un programa máis potente ca nunca, mantendo o espírito local e gastrotech (unión perfecta de gastronomía e tecnoloxía) que nos caracteriza. Haberá charlas, obradoiros e, como sempre, moita conversa ao redor dun bo viño da terra, un café ou un prato de polbo.
Para a comunidade galega é unha oportunidade única para coñecer e falar con persoas referentes do sector, visibilizar talento local e crear redes que permanecen vivas máis alá do evento.

-Cando falamos do movemento clean code e crafter, de que estamos falando exactamente?
-Falamos dun xeito de facer software onde importan tanto o que facemos como o como o facemos. O movemento crafter aposta por desenvolver con calidade, coidando o código como ferramenta de comunicación, aplicando principios ligados ás boas prácticas, automatizando probas e asumindo a responsabilidade técnica do que entregamos.
Clean Code é só a punta do iceberg e o comezo dun longo e apaixonante camiño. Detrás hai prácticas como o TDD, o refactor continuo, a revisión entre iguais ou a atención á arquitectura. Todo iso sen esquecer que o máis importante do software é que resolva ben un problema real.
Para resolver ben un problema real temos que entendelo, polo que necesitamos coñecer o produto e o negocio para o cal imos achegar unha solución. Pode parecer lóxico, pero é o movemento crafter quen pon esa idea no centro.

-Fálanos da túa experiencia con Vitae Consultores, na que es consultor asociado dende hai máis de dous anos...
-Dende que empecei a traballar neste sector, unha das cousas que máis me gusta é a posibilidade de compartir coñecemento. Sempre fun o primeiro en dar un paso á fronte cando, nas empresas onde traballei e traballo, buscaban xente para impartir formación.
Por iso, cando Vitae me propuxo colaborar, non puiden evitar sentirme moi afortunado. Tras estes anos participando en accións formativas e procesos de mellora que buscan transformar equipos tecnolóxicos dende dentro, síntome aínda máis agradecido. É unha experiencia moi enriquecedora porque combinamos a parte técnica coa humana: acompañar persoas e empresas na súa evolución, sen fórmulas máxicas pero con moita metodoloxía e escoita activa.
Ademais, cada curso, cada sesión, é unha oportunidade para aprender xuntos e atopar camiños para facer mellor software nun entorno real. E cada edición é diferente, porque —aínda que repitas contido— teño a liberdade de adaptar o enfoque segundo o perfil das persoas asistentes ou segundo como evoluciona a formación. O obxectivo é que, malia partir de coñecementos distintos, todas acaben acadando o mesmo nivel competencial.

-Está claro que boa parte do teu traballo céntrase en facer avanzar en excelencia, competitividade, eficiencia, eficacia, comunicación e rendibilidade aos nosos profesionais informáticos e das empresas de software. Que cres que necesita o sector TIC galego para avanzar nestes ámbitos? Que eivas e fortalezas temos?
-Antes de nada, temos que darnos conta dunha vez de que en Galicia temos profesionais de altísimo nivel. Hai persoas facendo cousas de enorme valor e moitísima complexidade técnica. Algunhas son contribuidores principais en proxectos tan importantes como Kubernetes ou os principais navegadores web (Safari, Chrome). En Galicia hai referentes mundiais, e iso é un feito.
Dito isto, creo que un dos retos pendentes segue sendo o recoñecemento do valor do traballo ben feito: entender que investir en calidade non é un custo, senón un aforro a medio prazo. Aínda falta, nalgúns casos, cultura técnica ou espazo para reflexionar sobre como se constrúe o software, non só sobre funcionalidades. Aínda así, cada vez se nota máis que se están facendo esforzos na boa dirección (unha proba diso é o éxito das formacións en boas prácticas que ofrece Vitae).
En canto ás fortalezas, temos moitas: profesionais comprometidos, con enorme capacidade de adaptación e cun talento que non sempre se visibiliza. Ademais, Galicia conta cun tecido de pequenas e medianas empresas que poden innovar con máis liberdade se apostan por boas prácticas e metodoloxías áxiles.

-Tes máis de 20 anos de experiencia en postos de desenvolvemento de software e formas cada ano a ducias de persoas en ámbitos como Código Limpo, Código Semántico, Arquitectura Hexagonal, CQRS, Docker, TypeScript, Git, TDD, PHP8 e Refactor. Cal é clave para compaxinar tarefas de tal complexidade (o desenvolvemento de software e a formación en desenvolvemento)?
-Na miña opinión, ambas facetas forman parte do mesmo camiño. Formar outras persoas é tamén unha forma de mellorar como desenvolvedor: obrígate a cuestionarte, a revisar conceptos, a manterte actualizado e, sobre todo, a comunicar mellor.
Iso si, é unha tarefa moi difícil. Hai que aprender a priorizar e aceptar que non se pode facer todo ao mesmo tempo. Ao final, si ou si, hai que saber dicir que non. A min gústame moito ir a conferencias ou a centros de FP a dar charlas, pero nos últimos anos tiven que deixar un pouco de lado esa actividade por non poder facela ben... aínda que non hai día que non pense en como poder retomala.
Creo que todo pode resumirse en que, cando formas parte dunha comunidade que comparte coñecemento, como ocorre en PulpoCon ou nas sesións con Vitae, o esforzo compensa. Porque o impacto vai moito máis alá dunha liña de código ou dunha charla: estás axudando a que outras persoas medren. E ves cando fan ese clic mental no que todo encaixa. Nese momento sabes que si, que entenderon por que todo isto das boas prácticas e dos crafters é o camiño. E iso, tamén, é desenvolver software.