Román Rodríguez aborda co director da Axencia Estatal de Investigación os avances na I+G+I

mércores, 1 de xullo do 2026 Redacción

Antes da reunión institucional, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro co director da Axencia Estatal de Investigación, José Manuel Fernández de Labastida, para analizar as oportunidades e os retos da I+D+i co obxectivo de seguir avanzando cara á excelencia investigadora. Durante a reunión, trasladoulle a disposición da Xunta de Galicia para continuar reforzando a colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na consecución de novos obxectivos.
Acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o responsable da Axencia Estatal de Investigación tivo ocasión de coñecer de primeira man o labor que desenvolve o ecosistema galego de investigación a través de diversas reunións e visitas. A investigación galega participa en distintos programas e convocatorias xestionados por este organismo, entre eles as axudas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva, orientadas ao persoal investigador, así como as Torres Quevedo, destinadas á contratación de persoal doutor por parte de empresas e centros tecnolóxicos.
A comitiva visita este mércores o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes). Mañá será a quenda do IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías). Os catro centros pertencen á Universidade de Santiago de Compostela e integran a Rede CiGUS, a Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia impulsada pola Xunta para fortalecer a investigación de excelencia. A axenda completarase coa visita ao INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio), centro do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) en Galicia.