Román Rodríguez anuncia o novo plan autonómico de I+D+i ante os nosos centros tecnolóxicos

martes, 14 de maio do 2024 S. P.

O Goberno galego anunciou este 14 de maio que vai comezar o deseño dun novo Plan de I+D+i que “suporá un salto cualitativo e cuantitativo”. Así o fixo saber o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, ante as e os representantes do tecido galego de centros tecnolóxicos, engadindo que o obxectivo é “posibilitar a sinerxía entre o coñecemento, a innovación e a ciencia e así dar resposta aos requirimentos dos sectores produtivos para acadar unha Galicia máis competitiva”.
Esta información foi achegada na primeira reunión de traballo do conselleiro con representantes das ditas entidades privadas que desenvolven o seu labor co apoio público a través Axencia Galega de Innovación (GAIN), logo do cambio de competencias, centralizadas agora en Educación.
Román Rodríguez agradeceu o compromiso innovador dos centros tecnolóxicos “que aportan un gran valor e coñecemento a sectores básicos para a economía, como poden ser o naval ou a alimentación, entre outros”, destacou.
O conselleiro fixo fincapé na necesidade de “seguir mellorando o posicionamento destes centros, o seu rendemento e a captación de fondos estatais e europeos, da man das empresas e fomentando a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación”. Segundo dixo, a Consellería realizará unha rolda de visitas nestes centros para coñecer o seu traballo e máis as súas potencialidades, de cara a un maior aproveitamento das mesmas dentro do ecosistema de I+D+i galego”.
Ademais de Román Rodríguez, participaron na reunión o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Por parte dos centros tecnolóxicos asistiron a directora de Operacións e Organización de Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), Miriam Costas; o director xerente da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), Jesús Lago; o director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luis Moreno; o director xeral da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (Gradiant), Luis Pérez; o director da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Carlos Calvo Orosa; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB), Fernando Val; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), Toni Pons; o presidente do Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), Santiago Cabaleiro, e a directora do Centro Galego de Investigacións da Auga (CETAQUA), Teresa Alvariño.