Román Rodríguez destaca o nivel e solvencia dos mellores proxectos de investigación do StemBach

mércores, 17 de xuño do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a calidade e a solvencia demostradas polo alumnado galego a través dos mellores proxectos de investigación do StemBach, o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía promovido pola Xunta.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou no acto de entrega dos premios correspondentes a este curso. Durante a xornada, os equipos finalistas defenderon os seus traballos ante o xurado e o recoñecido científico galego Ángel Carracedo ofreceu unha conferencia maxistral. En total presentáronse dez proxectos procedentes de seis centros educativos, seleccionados entre os 60 traballos concorrentes nesta edición, nos que participaron 913 estudantes, dos que o 54,3 % eran mulleres.
Os recoñecementos recaeron no IES María Casares de Oleiros, por unha análise comparativa dos discursos mediáticos sobre a invasión rusa de Ucraína; no IES de Brión, por dous proxectos centrados no emprego de electrolizadores para producir hidróxeno verde e na seguridade dos envases biodegradables; no Colexio Plurilingüe Lar de Mos, por unha investigación orientada á procura de novos antibióticos; e no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, por un estudo de simulación computacional sobre os mecanismos que permiten ao cancro escapar do sistema inmune innato.
Estes galardóns buscan recoñecer o esforzo do alumnado que cursa esta modalidade de Bacharelato, deseñada para reforzar a formación STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e potenciar as competencias científico-tecnolóxicas, especialmente no tratamento de datos e na integración da intelixencia artificial na sociedade. Tamén pretenden estimular as vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.
Os estudantes participantes, tanto individualmente como en grupo, tiveron que elaborar un traballo de investigación. O proceso de avaliación tivo en conta aspectos científico-técnicos como a metodoloxía empregada, a análise e presentación dos resultados e as conclusións obtidas. Tamén se valorou a memoria do proxecto (coherencia, estrutura, calidade da redacción, uso da linguaxe científica e bibliografía) e o vídeo de presentación, atendendo a criterios como a fluidez expositiva, a creatividade e o aproveitamento de recursos visuais.

Programa de excelencia

O programa StemBach, integrado na Estratexia de educación dixital Edudixital 2030, desenvólvese ao longo de dous cursos académicos e está aberto ao alumnado de calquera modalidade de Bacharelato. Ademais do currículo ordinario, os estudantes cursan unha materia extracurricular de afondamento vinculada ao ámbito STEM, cunha dedicación semanal de dúas ou tres horas.
O programa inclúe tamén a realización dun proxecto de investigación e a participación en actividades formativas complementarias en colaboración coas universidades públicas galegas, así como con entidades, organismos e investigadores de recoñecido prestixio.
Co obxectivo de visibilizar o traballo desenvolvido polo alumnado, a Xunta impulsou estes premios, nos que todos os centros, docentes e estudantes participantes reciben un recoñecemento e unha mención pola súa implicación. Os proxectos distinguidos obteñen ademais unha consideración especial para destacar o esforzo e a calidade do traballo realizado.
Os estudantes que completan o programa e posteriormente se matriculan nalgunha das universidades públicas galegas poden beneficiarse do recoñecemento de créditos ECTS. En concreto, teñen a posibilidade de obter 1,5 créditos ECTS por cada curso académico universitario, ata un máximo de 6 créditos.