GaliciaTIC defende o pensamento crítico e a creatividade para afrontar os retos da IA
xoves, 30 de outubro do 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reivindicou este xoves 30 de outubro o modelo galego de desenvolvemento sustentado na innovación, a dixitalización e o talento que conta co “compromiso decidido” da Xunta de Galicia a través da ciencia e a investigación aplicada, sinalou, engadindo que se trata “dun modelo que exemplifica a mellor Galicia Calidade a través da nosa I+G+i”.
Así o afirmou na inauguración do histórico foro GaliciaTIC, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), onde tanto empresas galegas punteiras como distintos centros educativos dispoñen de expositores nos que amosan as súas iniciativas en materia de innovación.
Este xoves 30 de novembro celébrase a 23ª edición de GaliciaTIC, foro de referencia e debate no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que organiza a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) en colaboración con entidades como a axencia autonómica AMTEGA ou diversas empresas.
Máis pensamento crítico e creatividade
Boa parte dos relatores presentes en GaliciaTIC 2025, celebrado este xoves 30 en Santiago, coincidiron en salientar a urxencia de potenciar o pensamento crítico e a creatividade na era da IA. Así o puxeron de manifesto diferentes expertos que participan na XXIII edición deste foro.
Na súa intervención na xornada, Pilar Llácer, vicepresidenta de Cultura e Persoas na consultora de comunicación Both People & Comms, sinalou que “a velocidade dos cambios producidos pola tecnoloxía, xunto coa irrupción da IA, provoca que os seres humanos teñamos que repensar o noso papel no mundo”.
Llácer, quen pronunciou a conferencia inaugural de GaliciaTIC 2025 baixo o título A condición humana na sociedade tecnolóxica, proseguiu interpelando á audiencia ao respecto de se as “competencias e habilidades que nos diferenciaron fronte ao reino animal seguirán sendo válidas”. Na súa opinión, a IA “xa está comezando a ocupar ese territorio que nos fixo únicos como especie”. E engadiu: “Precisamos reforzar o pensamento crítico, a curiosidade e a creatividade fronte a uns algoritmos que, en ocasións, parecen ter máis empatía ca as persoas”.
Organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o foro GaliciaTIC 2025 foi inaugurado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, Román Rodríguez. Na súa intervención, o conselleiro reivindicou o modelo galego de desenvolvemento sustentado na innovación, a dixitalización e o talento, que conta co “compromiso decidido” da Xunta de Galicia a través da ciencia e da investigación aplicada.
Evitar posibles abusos
Durante a primeira das mesas redondas, na que participou a presidenta de Ineo e directora executiva (CEO) en Ayco Internet S.L., Lourdes Guerra, abordouse a cuestión Tendencias e impactos para o sector TIC en Galicia. Nesa mesa, o CEO da tecnolóxica IMATIA, Fernando Vázquez, indicou que a irrupción da IA “contribuíu a que amplos estratos da sociedade se volvesen máis compracentes e dependentes da tecnoloxía”. Aínda que, ao seu xuízo, “o efecto neto é positivo”, considerou necesario “estar atentos á evolución da tecnoloxía e actuar para frear posibles abusos”.
Pola súa banda, a presidenta de Ineo asegurou que a tecnoloxía, e especialmente a IA, pode apoderar as persoas, “pero só se sabemos usala con criterio” e adaptarnos ao seu ritmo. Non abonda con seguir a innovación, dixo, “precisamos educación, pensamento crítico e obxectivos claros” para que a IA estea ao servizo do benestar común e non de intereses superficiais. Na opinión de Lourdes Guerra, a Intelixencia Artificial evoluciona rápido, pero a humana debe seguir sendo a que guía, crea e decide cara a onde queremos ir.
Mentres, o director da empresa EDISA, Carlos Suárez, destacou que a tecnoloxía, especialmente a IA, converteuse no principal motor do cambio, pero as organizacións aínda non aproveitan todo o seu potencial. Ao seu xuízo, durante anos a falta de capacidade técnica foi o freo. Hoxe, o reto está nas ideas, na xestión e no liderado. “A dirección das empresas debe asumir a estratexia dixital con visión e decisión, porque a tecnoloxía avanza máis rápido que as compañías e esixe transformar tanto a organización coma a forma de aprender e traballar”, afirmou.
Mercado laboral, capacitación e formación TIC en Galicia
Pola tarde, GaliciaTIC 2025 reforzará a súa aposta pola formación e o talento novo, mantendo as exitosas sesións de promoción do talento dixital coa participación de centros de FP, universidades e escolas de negocios de Galicia. Preto de 200 estudantes de ramas tecnolóxicas terán a oportunidade de interactuar con empresas interesadas en captar novos perfís profesionais e coñecer de primeira man os avances en Intelixencia Artificial, ciberseguridade, robótica ou computación eficiente. GaliciaTIC 2025 analizará tamén, entre outras cuestións, a conectividade dixital no medio rural a través da 5G; as obrigas e retos de sustentabilidade no sector TIC e, desde unha perspectiva práctica, as claves para desenvolver un produto de software paso a paso.
Principais patrocinadores
O foro conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), EDISA Sistemas de Información S.A., IMATIA Innovation S.L., Orange Espagne S.A.U. e Smart Solucións Verdes S.L. Ademais, as principais entidades colaboradoras de Galiciatic 2025 son a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), IGAPE e Ayco Internet S.L.
