Román Rodríguez participa na PyConES 2024
luns, 7 de outubro do 2024
A pasada fin de semana o Auditorio Mar de Vigo acolleu a PyConES 2024, a conferencia máis grande da comunidade Python en España, que xuntou a máis de 800 programadores de software. Este evento non só destaca a importancia da linguaxe Python, senón que tamén se enfoca en áreas críticas como a intelixencia artificial, o big data, o machine learning e a robótica, entre outras.
Até alí achegouse o pasado sábado o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, onde subliñou a importancia do papel que xoga a educación e a formación para garantir un uso “ético e responsable” das novas ferramentas tecnolóxicas, ao tempo que gabou as oportunidades que se abren para avanzar en equidade e igualdade de oportunidades de aprendizaxe, xa que a tecnoloxía “non representa unha ameaza, senón un recurso sen parangón para o ensino presente e futuro”.
Nese contexto, explicou que desde a Consellería se está traballando para “asegurar unha canalización correcta da intelixencia artificial desde a educación, pola educación e para a educación”, a través de proxectos como EdugalIA, unha iniciativa pioneira da Xunta para que Galicia se converta na primeira comunidade en incorporar a IA á xestión educativa, ou o desenvolvemento dun marco ético que oriente cara un uso responsable e respectuoso desta tecnoloxía.