Román Rodríguez presenta EdugalIA, que se licitará por importe de 13,6 millóns
mércores, 10 de decembro do 2025
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, presentou esta mañá os detalles de EdugalIA, o proxecto de intelixencia artificial aplicada á xestión educativa que, segundo lembrou, “conta co aval de reputados expertos nos eidos da pedagoxía, a innovación e a computación aplicadas ás contornas escolares”. Rodríguez interveu diante destes expertos en Santiago con motivo dunha xornada dirixida a empresas e membros da comunidade escolar: o encontro Estratexia galega contra o abandono escolar e o abandono educativo temperá no ámbito da gobernanza.
Este encontro convocou empresas potencialmente interesadas no proxecto EdugalIA que a Xunta sacará a licitación nos vindeiros días logo de que o Consello da Xunta autorizara onte o inicio dos trámites preceptivos.
Román Rodríguez salientou que EdugalIA é unha iniciativa “sólida, innovadora e pioneira” capaz de situar a educación galega “á vangarda” na medida en que non só está pensada para loitar contra o abandono escolar, senón que está deseñada “para conseguir o éxito académico de todo o alumnado”. “Non se trata unicamente de evitar que ninguén quede atrás, senón de abrir camiños para que cada estudante poida desenvolver todo o seu potencial”, abondou o conselleiro, que a cualificou como a iniciativa de desenvolvemento tecnolóxico de IA “máis importante de España”, como o avalan os 10 millóns de euros que a Xunta logrou captar para este proxecto procedentes fondos FEDER a través do proceso de Compra Pública Innovadora.
Na xornada tamén está prevista a presenza da directora de Educación e Formación da Fundación COTEC, Ainara Zubillaga, que imparte un relatorio sobre como innovar desde o corazón do sistema educativo. Doutora en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid e licenciada en Pedagoxía, Ainara Zubillaga conta cunha ampla carreira profesional centrada na innovación educativa e formación do profesorado aplicada aos estudantes con discapacidade e ás contornas de aprendizaxe inclusivos.
O encontro tamén conta coa participación de Caterina Calsamiglia, doutora en Economía pola Universidade de Yale, investigadora ICrea e responsable do grupo de Ciencias Sociais Computacionais no Barcelona Supercomputing Center. Esta experta en Economía Pública colabora estreitamente co sector educativo en aspectos como a aprendizaxe socioemocional, o benestar e a equidade.
Pola súa banda, Francisco López Rupérez, que foi presidente do Consello Escolar do Estado e actualmente é director de Cátedra de Políticas Educativas da Universidade Camilo José Cela, como experto en políticas educativas cunha extensa traxectoria profesional no ámbito académico e institucional, céntrase na análise e reflexión sobre a educación centrándose nos problemas técnicos reais.
Outro dos relatores que avalan o proxecto EdugalIA é Lucas Gortázar, director adxunto de investigación en EsadeEcPol. Gortázar, licenciado en Matemáticas e mestrado en Economía, céntrase nas análises de políticas públicas e investigación aplicada sobre temas de actualidade como a xornada escolar, a caída da natalidade ou a segregación social, entre outros.
Equipo asesor multidisciplinar
Volvendo a EdugalIA, o conselleiro lembrou que logo de aprobado o proxecto e concedido o financiamento, a Xunta constituíu un equipo asesor multidisciplinar composto por investigadores das universidades galegas, dos centros de investigación punteiros como o CESGA, o Supercomputing Center de Barcelona e a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, expertos en gobernanza educativa, pedagogos, analistas de datos e intelixencia artificial, que realizaron achegas para o deseño da arquitectura do proxecto incluídas cuestións como a definición de indicadores, a protección de datos ou os principios éticos.
Tras varios meses de análise e traballo previo, agora dáse o primeiro paso para a contratación da fase do proxecto centrada na I+D, para o deseño dunha solución innovadora nun período entre 2026 e 2028, así como da fase de despregamento da mesma prevista entre 2028 e 2030.
EdugalIA leva aparellado un orzamento total de 16,5 millóns de euros (6,6 millóns de euros achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional). Nos vindeiros días a Xunta vai licitar os primeiros 13,5 millóns de euros necesarios para executar as dúas fases do proxecto que abranguen unha primeira de servizos de I+D e outra segunda de adquisición e despregadura das solucións correspondentes. Amais, ultimouse a contratación dunha oficina técnica de control de proceso, que completará o proxecto.
Esta primeira fase abrangue o desenvolvemento, avaliación e posterior compra dunha solución de acceso á información académica e de analítica avanzada de datos para a prevención do abandono educativo, así como dunha solución de asistente virtual baseado en intelixencia artificial.
“Trátase, pois, de despregar un ecosistema dixital integrado que permitirá dotar o sistema educativo galego de infraestruturas analíticas avanzadas, como plataformas de IA, sistemas de alerta temperá e simulación de escenarios, entre outros, ao servizo do conxunto da comunidade educativa”, sinalou o conselleiro, engadindo que “grazas á integración de todas as fontes de datos, na práctica poderase mellorar a identificación temperá de situacións de risco no eido escolar como o abandono, unha maior precisión na asignación de recursos especializados ou a axilización da atención personalizada e proactiva”.
Entre outras vantaxes, o despregue tecnolóxico desta iniciativa ao servizo da gobernanza educativa tamén “suporá melloras directas sobre os alumnos e as familias”, e seguindo este fío “crearase por primeira vez o expediente dixital único do alumnado, que o acompañará ao longo de toda a súa traxectoria académica”. Amais, engadiu o conselleiro, darase forma a un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias.
Tres eixes de actuación
O proxecto EdugalIA céntrase en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema educativo galego: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta.
No eido da gobernanza, habilitarase un novo modelo de administración educativa dixital que permita integrar e consolidar de forma fiable información procedente de múltiples fontes e formatos. Isto axudará a avaliar as iniciativas e políticas promovidas pola Consellería a través da evolución do alumnado.
Outra das súas principais funcións será a de facilitar, a través da plataforma Galiorienta, integrada en EdugalIA- facilitar o labor dos departamentos de orientación ena súa contribución á prevención do abandono e no seu traballo diario de atención á diversidade nos centros docentes. O obxectivo nesta vertente é “que os xestores do sistema poidan analizar a súa evolución tanto de forma global como a nivel de centro educativo e programa implantado, permitindo a toma de decisións baseadas en evidencias e datos personalizados de calidade”.
O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital do alumnado. Incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos, sobre atención a necesidades específicas de apoio educativo, outros datos educativos e de formación relevantes e metadatos do expediente. O obxectivo é que “este expediente acompañe ao longo do seu tránsito polo sistema educativo, sobre todo nos cambios de etapa, na súa relación cos diferentes centros e administracións e que sexa accesible desde calquera lugar en calquera momento”.
Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un novo modelo no acceso de alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo, é dicir, “un punto único de contacto e acceso”. A finalidade é “dispoñer dun sistema co que o alumnado e os seus titores poidan interactuar arredor de aspectos vinculados coa súa relación coa Consellería como dúbidas sobre procedementos administrativos no ámbito educativo e orientación en procedementos administrativos como a solicitude de bolsas ou a admisión de alumnado”.
