Román Rodríguez sostén que o proxecto tecnolóxico Nós potenciará o uso do galego entre a mocidade

mércores, 12 de maio do 2021 S. P.

JPEG - 34.6 KB
O presidente Feijóo e o conselleiro Román Rodríguez na presentación de Nós

Este mes de maio pasará á historia, na nosa terra, por ser o intre en que se presentou o proxecto Nós: Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá aos cidadáns interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas. Nós, que levará a nosa lingua ao mundo dixital da man da Intelixencia Artificial, foi debullado no Parlamento, este 12 de maio, polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen salientou que estamos ante “o paso decidido para situar o galego no mundo dixital e potenciar o seu uso entre a mocidade”. Segundo engadiu, “unha lingua viva dixitalmente terá máis garantías de futuro”.
O obxectivo, explicou, é que o idioma galego se incorpore e participe dos novos desenvolvementos tecnolóxicos, de forma que se poida interactuar na nosa lingua no mundo dixital ao mesmo nivel que linguas como o inglés ou o castelán.
E engadiu: “Nós garantirá que os cidadáns poidan participar nas novas tecnoloxías sen renunciar á súa lingua propia, situando á nosa Comunidade na vangarda do uso de Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe aplicadas a este fin”.
Esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto, para que podan ser empregadas por empresas e institucións.
O conselleiro fixo saber que a presenza do idioma no eido dixital “amplificará os usos e o prestixio da nosa lingua”, matizou, engadindo que esta iniciativa é “un bo exemplo do que debe ser o traballo en positivo a prol da nosa lingua”.

PUBLICIDADE