Román Rodríguez supervisa a construción das pezas para o novo edificio do CESGA

martes, 23 de decembro do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a empresa Grupo Rodiñas, localizada no concello de Curtis e responsable da fabricación das pezas prefabricadas de formigón do novo edificio do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). Durante a visita ás instalacións, guiada por Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas, o titular de Ciencia da Xunta salientou que «coñecer de primeira man o traballo das empresas galegas é moi interesante á hora de contar cos seus servizos nun proxecto que vai supoñer un fito da nosa I+G+i».
A compañía galega está a executar a estrutura prefabricada que serve de soporte a todo o inmoble, así como os materiais necesarios para o seu peche, destinados á UTE Copasa-Dominion, adxudicataria da obra. Rodiñas produce en fábrica pezas de formigón cun deseño adaptado aos retos actuais, o que permite acadar unha calidade superior fronte ás realizadas directamente en obra e, ao tempo, axilizar a montaxe no terreo.
Neste contexto, o representante do Goberno galego subliñou que se trata dun «traballo con marca Galicia Calidade, pois un bo indicador para o conxunto de Galicia é que teñamos unha empresa deste nivel tecnolóxico e que é capaz de afrontar proxectos construtivos de alta calidade e de maneira moi áxil». Román Rodríguez puxo tamén en valor o compromiso da Xunta coa I+G+i coa construción da nova sede do CESGA, que conta cun investimento de 56 millóns de euros, financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, complementados con recursos propios. O edificio, chamado a situar Galicia como referente en tecnoloxías cuánticas, érguese no polígono da Sionlla de Santiago, nunha parcela de máis de 9.100 m², dos que 2.700 m² corresponden ao inmoble e 3.250 m² aos espazos exteriores.
Así mesmo, Román Rodríguez fixo fincapé no papel de empresas como Rodiñas, que amosan o potencial industrial de Galicia e a relevancia de reforzar a I+G+i. «Como país, é moi positivo que teñamos firmas con capacidade de dar resposta aos desafíos do mercado actual e cun alto nivel de especialización e unha gran carga tecnolóxica», engadiu.

Novas capacidades

A nova sede do CESGA, cuxa construción foi adxudicada por 13 millóns de euros, aspira a converterse nun referente tanto pola súa funcionalidade como polo seu deseño, incorporando criterios ambientais e de eficiencia enerxética. Para iso, contará cun sistema de climatización adaptado ás necesidades técnicas singulares do centro, instalacións fotovoltaicas e solucións de monitorización e vixilancia, entre outras dotacións.
O inmoble disporá, ademais, de diferentes espazos, como unha sala para aloxar supercomputadores, equipamento e almacenamento, varios laboratorios e salas de experimentación, áreas para reunións e recepción de visitantes, así como almacéns.
O avance das obras vai en paralelo á adquisición dos novos equipamentos tecnolóxicos do CESGA. Dunha banda, un novo computador cuántico, recentemente adxudicado a Telefónica por 9 millóns de euros, que permitirá ampliar as capacidades actuais do centro. Doutra, o supercomputador Finisterrae IV, destinado a achegar potencia adicional para atender necesidades de intelixencia artificial, xunto cun sistema de almacenamento para conservar grandes volumes de datos de forma permanente. Estes dous últimos atópanse actualmente en proceso de licitación, coa previsión de seren adxudicados nas vindeiras semanas.