Román Rodríguez visita en Madrid o centro de formación tecnolóxica da ONCE

xoves, 13 de marzo do 2025 S. P.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou este xoves 13 de marzo, en Madrid, as instalacións de Por Talento Digital, un centro pioneiro da Fundación ONCE dedicado á formación tecnolóxica adaptada para persoas con discapacidade.
Este servizo, que traballa para mellorar a inclusión e a empregabilidade destas persoas no sector tecnolóxico, ofrece programas de formación en áreas como desenvolvemento web, robótica e Intelixencia Artificial.
Na visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro foi recibido polo director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez, a quen agradeceu o convite por parte da organización para achegarse a coñecer este proxecto.
O titular de Educación gabou as posibilidades desta iniciativa e a disposición da Consellería para explorar novas vías de colaboración enfocadas a mellorar a atención educativa ao alumnado con discapacidade para afianzar o liderado de Galicia como Comunidade máis inclusiva do Estado.
Por Talento Digital é un programa de formación permanente orientado á mellora dos coñecementos e as competencias dixitais e tecnolóxicas das persoas con discapacidade, e en consecuencia da súa empregabilidade, a través da formación. Este programa ponse en marcha baixo a coordinación e financiamento da Fundación ONCE e das súas asociacións Inserta Emprego e Inserta Innovación, e o apoio do Fondo Social Europeo, coa convicción conxunta desta aposta pola formación en contidos dixitais e profesións tecnolóxicas altamente demandadas no mercado de traballo presente e futuro.
O programa realiza formación presencial e virtual en todo o territorio español e, desde novembro 2021, abriu un primeiro centro de formación propio en Madrid que está situado na zona de Embaixadores. A nosa sede está equipada tecnoloxicamente con todo o necesario para a aprendizaxe híbrida e colaborativa, e o hub conta cunha gran pantalla que proporciona unha calidade de imaxe e son diferencial e unha experiencia envolvente.