Román Rodríguez visitou a empresa aeroespacial UARX Space

martes, 5 de agosto do 2025 S. P.

O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou este martes 5 de agosto a empresa aeroespacial UARX Space, con sede na localidade pontevedresa de Nigrán. Na súa estadía aproveitou para destacar a nova convocatoria do programa Recuperación da excelencia Neotec como “unha oportunidade para a posta en marcha e impulso de novos proxectos empresariais desenvolvidos a partir da actividade investigadora”. Precisamente esta empresa, especializada en loxística espacial e transporte de satélites, foi beneficiaria desta convocatoria no ano 2023, pola que a Xunta lle outorgou un apoio de 225.000 €.
Rodríguez sinalou que a convocatoria de Recuperación da excelencia Neotec é un instrumento que permite financiar a aquelas empresas con base tecnolóxica que quedaron fóra das axudas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) por insuficiencia de crédito da convocatoria estatal. “Polo tanto, con esta liña de axudas a Xunta rescata iniciativas que, malia ser excelentes, non terían o financiamento necesario para avanzar e converterse en proxectos empresarias punteiros”, salientou.
A nova convocatoria do programa está dotada con 3 millóns de euros, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, e conta con acadar os 5 millóns de euros mobilizados. A previsión é contribuír ao financiamento dunha decena de proxectos de base tecnolóxica, que se sumarán ás 28 iniciativas apoiadas desde 2021 con máis de 7 millóns de euros.
Como novidade este ano, a convocatoria é en réxime de concorrencia non competitiva, polo que non haberá un proceso de avaliación dos proxectos e as subvencións concederanse por orde de entrada.
Tecnoloxía espacial
UARX Space é unha empresa galega especializada en loxística espacial, centrada na despregadura e transporte orbital de satélites pequenos, como CubeSats e PocketQubes. Ofrece solucións completas desde o lanzamento ata a colocación en órbita final, así como opcións de hospedaxe de cargas útiles. A compañía foi recoñecida pola NASA como unha das dez firmas máis innovadoras do mundo en tecnoloxías para naves espaciais pequenas e foi distinguida como a startup tecnolóxica máis innovadora de Galicia nos premios EmprendeXXI outorgados por CaixaBank na edición do ano 2023.
Entre os seus produtos mais destacados atópanse o primeiro dispensador de nanosatélites deseñado de xeito íntegro en España, RAMI (Reliable And Advanced Mission Injector), e un vehículo de transferencia orbital con capacidade para transportar e liberar múltiples satélites con autonomía propia e propulsión ecolóxica, OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration).