Rouban información do futuro iPhone 18 Pro a un provedor de Apple na India

martes, 30 de xuño do 2026 Marcus Fernández

As filtracións de produtos de Apple antes do seu lanzamento é algo que non nos colle por sorpresa, pero nesta ocasión aseguran que poderiamos estar ante «a meirande filtración na historia de Apple», exemplificada coa publicación dun vídeo dunha proba de resistencia ás caídas do futuro iPhone 18 Pro.
O vídeo deixaría ver unha nova cor do teléfono, que aparentemente deixaría de amosar cores contrastadas na súa traseira (algo que podería non corresponderse co produto final) e deixaría ver un módulo de cámaras máis prominente (dando a entender que teremos mellores cámaras).
A publicación do vídeo só sería unha anécdota, porque a filtración real sería a publicación de milleiros de documentos confidenciais na dark web por parte dun grupo de ransomware (World Leaks) que tería vulnerado a seguridade de Tata Electronics (un dos provedores de Apple na India) para subtraer máis de 200.000 ficheiros, entre os que figura información sobre compoñentes do futuro iPhone 18 Pro, como detalles dos chips da súa placa principal e partes da súa batería e cámaras.
Lembremos que ata hai pouco a fabricación dos iPhone se producía case na súa totalidade na China, pero os aranceis e outras restricións de importación provocou a que Apple diversificase xeograficamente a fabricación, de xeito que vai camiño de que o 26% dos seus smartphones se fabriquen na India (cando anteriormente só se fabricaban alí os dispositivos destinados a ese mesmo mercado).

As filtracións tamén amosan como sería o iPhone 18 Pro en cor vermella