Rubén Bastón e Enrique Dans falarán coa mocidade galega en Xuventude Galicia Net

mércores, 25 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

JPEG - 30 KB
O blogueiro galego Enrique Dans, autor de Todo va a cambiar

A nova edición de Xuventude Galicia Net, que se celebra do 4 ao 6 de maio, como de costume no Palacio de Congresos de Santiago, contará no seu programa cunha serie de importantes convidados, especialistas da nosa terra no fenómeno TIC e en todas aquelas cousas, de natureza práctica, que lles poden valer aos nosos estudantes para ser mañá, eles mesmos, especialistas no fenómeno TIC. É o caso dos relatores que dende a web de XGN confírmannos xa que participarán na xeira de actividades de divulgación: Rubén Bastón e Enrique Dans.
O primeiro é un dos profesionais de referencia no eido das redes sociais en Galicia e en España. É director da división dedicada aos servizos 2.0 en Elogia.net, a empresa na que traballa. A súa ampla experiencia (malia a súa xuventude) vén dada polo número de clientes que traballan con el e coa súa empresa de marketing dixital (con sede en Vigo) e as sesións formativas que imparte nesta materia. O seu relatorio, informa a Dirección Xeral de Xuventude (organizadora da party) será o sábado pola tarde. Para sabermos algo máis da súa traxectoria profesional, sinalar que ten web propia e acubillo na rede LinkedIn.
Polo que atinxe a Enrique Dans, sinalar que é un dos blogueiros máis seguidos do eido da comunicación dixital en español. Natural da Coruña, constitúe un senlleiro exemplo de activismo na Rede a prol da liberdade da información. Está considerado, a día de hoxe, como unha das persoas máis influentes de Internet, segundo se apunta nas listaxes que cada ano se fan dende o xornal El Mundo. Segundo se conta dende XGN, acudirá ao evento co relatorio Todo va a cambiar, que reproduce o título do seu libro, unha obra na que se explica en que medida afecta Internet, transformándoos, modelos negocio e de cultura (música, prensa, comunicación, sector editorial, etc). Tamén se achega no libro unha xanela ao futuro destes modelos, engadíndose consellos e recomendacións de valor para os profesionais e as empresas que queiran adaptarse a estes cambios “e non perder o carro da competitividade”.
A cita será o sábado 5 ás 11.00 horas.

PUBLICIDADE