Rueda anuncia a aprobación do anteproxecto de Lei de educación dixital

luns, 29 de xuño do 2026 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o anteproxecto da Lei de educación dixital de Galicia, que será remitido agora ao Parlamento para a súa tramitación, coa previsión de que entre en vigor en 2027. O novo texto normativo, pioneiro e sen precedentes no ámbito estatal, pretende consolidar o modelo galego de ensino híbrido e garantir un sistema educativo de calidade e máis personalizado.
Rueda destacou que «con preto de 900 achegas ao longo das distintas fases de exposición pública, esta norma convértese na máis participativa da historia de Galicia», o que, ao seu xuízo, evidencia o interese social que esperta. Esta participación encaixa cos datos dunha enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE), segundo a cal máis do 92 % das familias considera necesaria esta lei e o 86,6 % aposta por un modelo híbrido que combine de maneira equilibrada recursos dixitais e métodos tradicionais.
A través desta norma, a Xunta pretende afrontar con garantías os retos derivados da transformación dixital da educación mediante unha regulación integral dos dereitos e deberes da comunidade educativa (administracións, centros, docentes, alumnado e familias) no novo escenario tecnolóxico.
Segundo explicou o presidente, a lei constitúe un piar para consolidar o modelo galego de ensino híbrido, no que conviven e se complementan os recursos tradicionais e as novas tecnoloxías co obxectivo de ofrecer a mellor formación posible ao alumnado. Ademais, responde á obriga de dotar os estudantes de competencias dixitais fundamentais para desenvolverse con seguridade, espírito crítico e capacidade competitiva na sociedade actual. O texto presta especial atención ao benestar dixital, á privacidade, á protección de datos, ao dereito á identidade dixital e á intimidade, así como á accesibilidade universal.

Uso da intelixencia artificial

A norma dedica un capítulo específico á regulación da intelixencia artificial no ensino. Os sistemas de IA poderán empregarse como ferramenta de apoio á toma de decisións educativas, sempre baixo supervisión humana. Tal e como destacou Alfonso Rueda, Galicia converterase na primeira comunidade autónoma en regular expresamente o uso da IA na educación co propósito de aproveitar as súas posibilidades e reducir os riscos asociados.
Neste ámbito, a intelixencia artificial poderá utilizarse para favorecer a detección temperá de dificultades de aprendizaxe, adaptar recursos educativos ás necesidades de cada estudante ou elaborar materiais de apoio.
En ningún caso poderá empregarse para adoptar decisións académicas, organizativas ou administrativas nin para substituír o criterio do profesorado, que manterá sempre a responsabilidade última na avaliación do alumnado. Ademais, quedan prohibidos os sistemas baseados en recoñecemento facial, análise emocional ou seguimento biométrico, entre outros. Os centros educativos só poderán utilizar ferramentas dixitais autorizadas pola Consellería de Educación.

Desconexión e adecuación por idades

Galicia será tamén a primeira comunidade autónoma en regular o dereito do alumnado á desconexión dixital fóra do horario lectivo, trasladando ao ámbito educativo un dereito xa recoñecido no mundo laboral.
O uso da tecnoloxía adaptarase á etapa educativa e ao grao de madurez do alumnado. En Educación Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria, os medios dixitais limitaranse a un uso colectivo, mentres que o uso individual comezará a partir de 5º de Primaria. Ademais, o uso do teléfono móbil con fins pedagóxicos só estará permitido desde 3º da ESO, e non en calquera curso como acontecía ata o de agora.

Gravación das clases e docencia virtual

A lei regula tamén as condicións para a gravación das sesións educativas e a docencia virtual, reforzando o dereito do profesorado a desenvolver a súa actividade con respecto e seguridade tanto nos espazos dixitais como nas aulas presenciais.
Salvo autorización expresa, queda prohibida a gravación en audio ou vídeo de clases, titorías ou calquera outra actividade docente, presencial ou virtual, por parte do alumnado, das familias ou de persoas alleas ao persoal docente. Tamén se prohibe a reprodución ou difusión destas gravacións a través de redes sociais, servizos de mensaxería instantánea ou calquera outro medio dixital.
Non obstante, poderanse realizar gravacións con finalidade exclusivamente didáctica ou de seguimento académico, sempre respectando os dereitos fundamentais das persoas participantes. Esta excepción está pensada para casos concretos, como o dun alumno cego que necesite gravar unha clase para poder seguila posteriormente desde a casa ou determinadas ensinanzas nos conservatorios.

Exames en redes sociais e comunicacións coas familias

A norma garante tamén que a actividade educativa do alumnado se desenvolva en condicións de dignidade, privacidade e respecto no ámbito dixital. O profesorado non poderá publicar nas súas redes sociais ou en medios dixitais persoais imaxes, gravacións de voz ou outros datos persoais do alumnado obtidos durante actividades escolares, incluídos os exames ou as actividades complementarias e extraescolares, salvo que exista autorización expresa.
As comunicacións entre os centros educativos e as familias deberán realizarse exclusivamente a través das ferramentas autorizadas pola Xunta, como Abalar, e non mediante aplicacións de mensaxería como WhatsApp.
A Xunta facilitará tamén unha identidade dixital a todo o alumnado dos centros públicos a partir de 5º de Primaria mediante unha conta oficial de correo electrónico destinada unicamente a fins educativos e sen carácter privado. O obxectivo é que, cando sexa necesaria unha identidade dixital nas actividades formativas, o alumnado dispoña dunha conta corporativa con garantías de seguridade e privacidade.

Autoridade pública do profesorado e formación

Rueda explicou tamén que a condición de autoridade pública do profesorado estenderase ao ámbito dixital. A partir da entrada en vigor da lei, o recoñecemento xa previsto na Lei de convivencia e participación da comunidade educativa aplicarase tamén ás interaccións e actividades docentes desenvolvidas por medios dixitais.
O texto incorpora, ademais, a formación dixital obrigatoria do profesorado nas competencias consideradas estratéxicas e establece que estes coñecementos se valorarán como mérito nos procesos selectivos.
Co propósito de reforzar a coherencia entre a formación inicial e a permanente, promoverase tamén a formación do profesorado universitario das facultades de Educación en materia de ensino dixital.