Rueda anuncia que Galicia será pioneira ao regular por lei o uso das TIC nas aulas

luns, 1 de setembro do 2025 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia «vai ser pioneira ao regular por lei o uso das novas tecnoloxías nas aulas» dos centros educativos. Será a través da futura Lei de educación dixital, que se aprobará logo dun proceso participativo.
Tal e como indicou Rueda, Galicia avanzará «na consolidación dun modelo híbrido na educación, que combine o papel e as novas tecnoloxías» para ofrecer a mellor formación ao alumnado. A intención da Xunta é adaptar o uso das tecnoloxías dixitais nas aulas á etapa educativa e ao nivel de madurez dos estudantes.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional presentou hoxe un informe no Consello para dar conta dos progresos na elaboración da lei. Nas vindeiras semanas continuará o proceso de redacción con reunións de expertos e representantes da comunidade escolar, co obxectivo de crear unha normativa que aspire a ser tamén referente fóra de Galicia, xa que ningunha outra Administración regulou aínda este ámbito de maneira integral.
O conselleiro Román Rodríguez destacou que formar o alumnado galego en competencias dixitais é esencial para a sociedade actual e que a Xunta quere que o fagan «dun xeito seguro, crítico e competitivo». «Temos que xestionar o presente para preparar o futuro», engadiu.
Estas competencias son fundamentais tanto para a vida diaria como para o impulso das vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). A lei procurará mantelas en equilibrio coas metodoloxías tradicionais, de maneira que se complementen nos plans de estudo. «Buscamos regular con coherencia, responsabilidade e visión de futuro os dereitos e deberes dos diferentes membros da comunidade educativa respecto as novas tecnoloxías», afirmou o conselleiro.

Uso por etapas escolares

A futura normativa pretende garantir o desenvolvemento cognitivo, social e manipulativo do alumnado, a través de diversas metodoloxías e recursos que permitan aproveitar as vantaxes das tecnoloxías e minimizar os riscos. O seu uso estará sempre supervisado polo profesorado. En Educación Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria (1º a 4º curso) limitarase ao uso colectivo, mentres que a partir de 5º de Primaria se permitirá tamén o individual.
Na primeira infancia primará a interacción física e manual. En Educación Infantil potenciarase un contacto seguro coas TIC mediante actividades de valor engadido, integradas nunha aprendizaxe global e baseadas en experiencias emocionalmente positivas.
En Primaria, o uso das TIC introducirase de forma gradual e proporcional, acorde ao desenvolvemento cognitivo e socioafectivo, evitando que despracen as actividades manuais. Irán incorporándose contidos relacionados coa seguridade, o benestar, a convivencia, a xestión da información e o pensamento crítico. A partir de 5º curso posibilitarase o uso individual de dispositivos dixitais, coincidindo coa opción de incorporarse ao programa E-Dixgal (ata 4º da ESO).
En Secundaria, as tecnoloxías dixitais enfocaranse na adquisición de competencias básicas e na reflexión ética e crítica, de modo que o alumnado acade un uso autónomo, responsable e consciente.

Corresponsabilidade das familias

A introdución progresiva das TIC virá acompañada dunha maior coordinación entre Infantil e Primaria, así como dunha colaboración estreita cos pais e nais, recoñecendo o seu papel esencial nesta etapa. Haberá sesións de titoría e información específicas para eles.
Na ESO, esta participación manterase. O profesorado titor trasladará ás familias calquera sinal de alarma por un uso indebido das TIC, contando co apoio necesario.
As decisións sobre o acceso ás tecnoloxías terán en conta o mellor coñecemento científico dispoñible e procurarán fomentar unha convivencia positiva.
Os recursos dixitais estarán recollidos nos proxectos dixitais de cada centro, e tanto o alumnado como as familias recibirán información clara e accesible sobre o seu uso seguro e adaptado ás normas de convivencia. A Consellería facilitará modelos e materiais para garantir unha comunicación sinxela.