Rueda destaca a importancia de regular o desenvolvemento responsable da IA

venres, 18 de outubro do 2024 Redacción

O foro Diálogos Prodware Cremades & Calvo-Sotelo, que nesta edición leva por título Entender a intelixencia artificial, inaugurouse cunha intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que sinalou a importancia de contar cun marco legal que asegure o desenvolvemento ético e responsable da IA, poñendo sempre ás persoas no centro da tecnoloxía, lembrando que a Xunta está a ultimar o anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da IA en Galicia. Unha vez aprobado o anteproxecto polo Consello da Xunta, será remitido ao Parlamento galego para o seu debate e posterior aprobación.
Rueda resaltou que a IA xa está transformando diversos sectores, como a sanidade, a agricultura ou a educación, mellorando a calidade de vida da cidadanía galega polo que a futura lei permitirá garantir unha implantación da IA que sexa segura, transparente e adaptada ás singularidades de Galicia, promovendo a súa utilización tanto na administración pública como no sector privado.
O presidente da Xunta tamén fixo fincapé na importancia de que Galicia siga liderando o desenvolvemento dunha IA ética, fiable e centrada no ser humano, e subliñou que o diálogo entre o sector público, privado, as universidades e a sociedade civil será clave para acadar un consenso que beneficie a todos.