Ryanair non venderá máis billetes á algunhas axencias de viaxes virtuais

xoves, 8 de marzo do 2007 Raquel Noya

A compañía aérea irlandesa Ryanair rexeitará as compras que efectúen algúns dos principais maioristas turísticos por Internet coas súas tarxetas de crédito e, asemade, bloqueará a venda dos seus billetes a varias axencias de viaxes na rede por aumentar os prezos dos seus voos en máis dun 100 por cento. De feito, a compañía deixará de venderlle billetes ás axencias virtuais Lastminute.com, Global Holidays, Flights Direct e Ebookers, ás que acusou de “timar ós pasaxeiros e dobrar decote o prezo dos voos”.
O xefe de prensa de Ryanair, Peter Sherrard advertiu que “os pasaxeiros deberían evitar esta clase de touropeadores porque cobran aumentos desorbitados e enganan ós seus pasaxeiros”.
Asemade, a compañía de voo sostén que estas axencias de viaxes non achegan termos e condicións correctos, non avisan ós pasaxeiros dos cambios de horarios, néganlles a posibilidade de facturar as maletas vía Internet e non ofrecen a opción de mercar os billetes con embarque prioritario. A aeroliña tamén sinalou que os seus voos só estarán dispoñibles na súa páxina web ryanair.com, aínda que esta medida non lle afectará ós pasaxes reservados anteriormente.

PUBLICIDADE