Ryse encabeza os Xogos con Gold de abril

xoves, 23 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Os subscritores Gold de Xbox LIVE poden aledarse moito ao coñecer os xogos que recibirán sen custo adicional durante o mes de abril para a súa consola, xa que nesta ocasión os xogos de Xbox One e Xbox 360 que poderán incorporar á súa colección dixital son auténticos títulos de primeira fila.
O xogo de Xbox One que abrirá o mes de abril será Ryse: Son of Rome, un dos grandes títulos de lanzamento de Xbox One, que destacaba por tirar proveito de Kinect, pero que pode gozarse sen controis por movemento, de xeito que os usuarios que gusten dos xogos de acción ou que sexan amantes das historias ambientadas no Imperio Romano estarán encantados de poder encarnar ao soldado romano Marius Titus no campo de batalla.
A partires do 16 de abril o xogo que ofrecerán aos usuarios Gold será a segunda tempada da aventura gráfica The Walking Dead, que permítenos volver a vivir de xeito episódico aventuras ambientadas na banda deseñada de Robert Kirkman que deu pé á célebre serie televisiva que leva o mesmo título.
Os xogos de Xbox 360 (retrocompatibles con Xbox One) que chegarán en abril serán o xa clásico Darksiders, considerado por moitos como un Zelda adulto, e que creou un universo tan atractivo que non tardou en recibir unha secuela; e Assassin’s Creed: Revelations, a derradeira aventura de Ezio Auditore, o Assassin de máis éxito da franquía de Ubisoft.

Na primeira quincena de abril estará dispoñible para os usuarios Gold Darksiders
Assassin’s Creed: Revelations farase agardar até a segunda metade de abril

Vídeo de presentación dos Xogos con Gold do mes de abril

PUBLICIDADE