SEGA anuncia 4 modelos de Game Gear Micro para celebrar os seus 60 anos

mércores, 3 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Tras a febre das consolas de videoxogos domésticas en miniatura SEGA sorprende anunciando unha Game Gear Micro, versión reducida da súa clásica consola portátil que sairá á venda no Xapón o 6 de outubro e que pretende converterse en todo un produto de coleccionismo para celebrar os 60 anos das compañía nipoa.
Esta curiosa consola portátil de tamaño ridículo (mide 80 x 43 x 20 milímetros e a súa pantalla ten só 1,15 polgadas) lanzarase en 4 cores diferentes, incluíndo cada versión 4 xogos distintos, sendo posible mercar as 4 nun lote que inclúe un accesorio de lupa para agrandar a pantalla. Cada Game Gear Micro terá un prezo oficial de 4.980 iens (41 euros).
Haberá que ver se este produto chega a ter comercialización global, sendo bastante probable que sexa así, aínda que mudando os xogos incluídos en función do mercado. No caso xaponés, a Game Gear Micro inclúe os xogos Sonic the Hedgehog, Puyo Puyo 2, Out Run e Royal Stone; a edición azul inclúe Sonic & Tails, Gunstar Heroes, Sylvan Tale e Baku Baku Animal; a edición amarela conta con Shining Force 1, Shining Force 2, Shining Force Gaiden: Final Conflict e Nazo Puyo: Arle no Roux; e o modelo vermello inclúe os xogos Revelations: The Demon Slayer, Megami Tensei Gaiden: Last Bible Special, The G. G. Shinobi e Columns.
Resultará curioso comprobar a acollida desta consola portátil que parece máis pensada como obxecto de colección que como dispositivo para o lecer, xa que o seu reducido tamaño fai que a súa experiencia de uso sexa radicalmente diferente á da Game Gear orixinal (que destacaba pola súa boa ergonomía).

Un accesorio permite ampliar a pantalla de 1,15 polgadas da Game Gear Micro

PUBLICIDADE