SIC17 Summer xunta en Vigo os máis referenciais expertos en europeos en procesado de sinal

martes, 4 de xullo do 2017 Redacción

O Centro Social AFundación en Vigo está a acoller hoxe un encontro de traballo internacional sobre todo o que quixemos saber da teoría da información, o procesado de sinal, as redes de comunicación de sensores e o deseño de algoritmos que axuden aos sistemas informáticos e ás máquinas a subir novos chanzos en intelixencia, eficacia e puntería. Trátase da sexta edición da xuntanza Spanish Workshop on Signal Processing, Information Theory and Communications (SIC17 Summer), na que están a participar tres ducias de docentes e investigadores do procesado de sinal e as comunicacións avanzadas. A xeira de traballo vén da man do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións da Universidade de Vigo, co apoio da Universidade Politécnica de Cataluña, coordinadora da RedComonsens. Esta rede de excelencia ten a súa orixe no proxecto Comonsens, que se desenvolveu entre os anos 2009 e 2014 e no que participaron 135 investigadores de dez grupos españois, entre eles o GPSC da Universidade de Vigo.
Segundo explica Roberto López, integrante do dito grupo GPSC e coordinador do workshop, a sesión ten carácter bianual e nela participan docentes e estudantes, así como calquera investigadora ou investigador interesado na temática.
En total, estanse a presentar nesta edición da xuntanza 16 pósters. A xeira de traballo conta neste senso coa participación de tres relatores convidados. Primeiro, o catedrático da Universidade de Aveiro e profesor adxunto en Carnegie Mellon University Rui Aguiar, en palabras da organización do evento “un recoñecido experto internacional no eido das tecnoloxías de rede. Segundo, Daniel Romero, profesor titular na Universidade de Agder (Noruega), “que centra a súa investigación en métodos de aprendizaxe máquina aplicados a comunicacións sen fíos”. E teceiro, Antonio G. Marquéz, profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos, experto na optimización de redes de comunicacións sen fíos e de distribución eléctrica e aplicación do procesado de sinal á teoría de redes.
Logo de cinco edicións, Roberto López, docente e investigador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicación considera que “estas reunións periódicas demostraron ser un instrumento moi valioso para reforzar as relacións entre investigadores españois do eido do procesado de sinal e as comunicacións, dando lugar a numerosos resultados de investigación realizados en colaboración entre eles, así como a captación de fondos mediante proxectos realizados de xeito coordinado”.

PUBLICIDADE