SINTE abrirá cunha conferencia do autor de creacións dixitais para o Gran Museo Exipcio, a NASA, Google ou Nike
luns, 17 de novembro do 2025
O cofundador e director de Ouchhh Studio, Ferdi Alici, incorpórase ao programa do I Foro internacional de arte e cultura dixital, SINTE, que reunirá máis dunha vintena de figuras destacadas do panorama nacional e internacional, procedentes de Francia, Italia, Turquía, Portugal ou O Xapón. O encontro celebrarase no Gaiás os días 20 e 21 de novembro, con conferencias e espectáculos de artistas de referencia como o creador francés Maotik ou o coreógrafo e bailarín xaponés Hiroaki Umeda.
SINTE forma parte da aposta da Xunta polo impulso das artes dixitais, un sector emerxente no que Galicia aspira a situarse na vangarda coa posta en marcha do Centro de Artes Dixitais da Cidade da Cultura, prevista para o segundo semestre de 2026. Este equipamento, cuxas obras rematan este ano, nace coa vontade de converter o Gaiás nun laboratorio para a experimentación con novas tecnoloxías e plataformas, abrindo oportunidades á innovación cultural.
O programa do foro arrincará o xoves 20 de novembro coa conferencia plenaria de Ferdi Alici, director de Ouchhh Studio, estudo con sede en Istambul e delegacións nos Ánxeles, Viena, Barcelona, París, Londres e Berlín. Cunha traxectoria de máis dunha década na intersección entre arte, ciencia e tecnoloxía, Ouchhh desenvolveu proxectos en capitais dos cinco continentes e para institucións e empresas como a NASA, Google, Mercedes, Nike, o Museo Mori de Toquio, o Museo de Arte e Ciencia de Singapur, o Museo Frost de Miami, o Mutek ou o CERN.
Xunto á conferencia inaugural, o foro reunirá profesionais como o comisario de programación de Medialab Matadero, Bani Brusadin; a artista electrónica e programadora Mónica Rikic, Premio Nacional de Cultura de Cataluña; o director do espazo cultural Gnration de Braga, Luís Fernandes; o director artístico de Matadero Madrid, José Luis Romo; a produtora musical e DJ Cora Novoa; ou a investigadora e escritora Elena Neira. Participará tamén o estudio italiano fuse*, que compartirá co público o proceso creativo dunha das súas obras máis recoñecidas, Onirica, unha instalación audiovisual que emprega intelixencia artificial xerativa para transformar en imaxes arredor de trinta mil relatos de soños.
O programa incluirá tamén espectáculos que permitirán experimentar a arte dixital en directo. Por vez primeira en Galicia poderá verse a performance Materia, do artista francés Maotik, unha proposta que combina arte e ciencia con visuais e son creados en tempo real. O encontro pecharase cunha dobre función do coreógrafo e bailarín Hiroaki Umeda, figura destacada da escena vangardista xaponesa cunha traxectoria que o levou a actuar en máis de cento cincuenta cidades de corenta países.
As entradas para as funcións de danza poden reservarse de balde na web da Cidade da Cultura, mentres que as prazas para o resto das actividades xa están completas. As conferencias e relatorios retransmitiranse en liña por streaming.
