SIVSA converte centros sanitarios de Perú en hospitais sen papeis

martes, 30 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega SIVSA, centrada en servizos tecnolóxico-dixitais avanzados, segue adiante co seu importante proceso de internacionalización, un afianzamento en novos mercados (principalmente alén do Atlántico, aínda que tamén no norte de África) do que vén de achegar relevantes novidades. Estas consisten na consolidación da súa presenza en Perú, onde vén de conseguir que os centros de saúde que implantaron a súa plataforma Hosix sexan finalmente “hospitais sen papeis”. É dicir, adaptados plenamente á era dixital e todas as súas vantaxes de axilidade, comodidade, eficacia, atención e seguridade.
Estamos a falar dos hospitais xestionados polo grupo IBT, como o IBT Guillermo Kaelin de la Fuente Salud SAC, ou o IBT Alberto Leopoldo Barton Thompson Salud SAC, máis en dúas clínicas do Grupo San Pablo en Perú, na clínica renal e oncolóxica da Universidade Peruana Cayetano Heredia e, tamén, no hospital San Martín de Porres en Macusani. A isto cómpre engadir os traballos realizados na clínica de Arequipa, do Grupo San Pablo, onde a empresa galega está a rematar a implantación de Hosix, mentres que nas restantes clínicas do mesmo grupo iniciarase o proceso en datas vindeiras. Nos devanditos centros, segundo informa SIVSA, a plataforma Hosix converteuse “nunha ferramenta imprescindíbel para conseguir unha organización eficaz e ofrecer unha atención sanitaria de calidade, que sitúa os complexos sanitarios nos mellores niveis de atención ao paciente”.
Certificación da JCI
Os hospitais de IBT e as clínicas de Grupo San Pablo, atópanse no proceso de certificación da JCI (Joint Comission International), un organismo recoñecido internacionalmente que certifica a calidade nos procesos dun centro sanitario. Segundo lembra SIVSA, a integración de Hosix favoreceu o cumprimento dos requisitos esixidos pola JCI para a obtención da certificación dos centros devanditos. “Estes datos”, explica a empresa galega, “non fan máis que reafirmar os excelentes resultados que está a dar Hosix en Perú e a consolidación do noso sistema de xestión e de SIVSA no país, no que comezamos a traballar no ano 2013”.

PUBLICIDADE