SIVSA crea un novo sistema para apoiar as decisións médicas baseado en IA: o sistema Tatanka

luns, 6 de xullo do 2020 S. P.

A compañía galega SIVSA, referente tecnolóxico estatal e europeo, vén de presentar detalles do seu novo prototipo destinado a apoiar aos profesionais médicos nas súas decisións: Tatanka, un sistema de soporte para facilitar o día a día dos facultativos nas súas resolucións médico-terapéuticas. En palabras da empresa viguesa, este modelo de coñecemento permite, entre outras aplicacións, “establecer un diagnóstico personalizado, facer un prognóstico preciso dun paciente ou medir en detalle a evolución dunha lesión”.
A empresa lembra que estas e outras funcionalidades serán posíbeis grazas aos patróns xerados a través de Intelixencia Artificial (IA), a aplicación de características radiómicas de imaxes médicas, así como o fornecemento de trazos cuantitativos extraídos “a partir dunha análise textural” e logo procesados mediante algoritmos de aprendizaxe automática (Machine Learning) e profunda (Deep Learning).
SIVSA engade que Tatanka presenta unha manchea de vantaxes para os sanitarios xa que, ademais de mellorar a calidade na atención directa ao usuario, aumenta a súa seguridade reducindo os erros de medicación e aliñando a prescrición médica coas probas, incrementando, tamén, a eficiencia na promoción da saúde.
Este proxecto ten co-financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao abeiro do Plan de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2017-2020, no marco da Acción Estratéxica en Economía e Sociedade Dixital (AEESD) e do Subprograma Estatal de impulso ás Tecnoloxías Habilitadoras.
Para o seu desenvolvemento SIVSA conta coa participación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, co obxecto de “facilitar a transferencia tecnolóxica”.

PUBLICIDADE