SOGAMA avanzará en dixitalización cun sistema de rastrexabilidade: a plataforma Traza

luns, 5 de maio do 2025 S. P.

A Xunta adxudicou por 1.038.911 euros, e cun prazo de execución de 2 meses e 7 días, as obras a acometer na infraestrutura industrial da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) coa finalidade de instalar os equipos necesarios para levar a cabo a rastexabilidade (trazabilidade) completa dos residuos xestionados na mesma.
No marco deste contrato executaranse actuacións en todas as plantas de transferencia, nas catro instalación públicas de compostaxe (as de Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra); no propio Complexo Medioambiental de Cerceda; e nas dúas terminais ferroviarias de ADIF en Lugo e Taboadela (Ourense).
A chamada plataforma Traza, enmarcada no proceso de transformación dixital no que está inmersa SOGAMA, ten por finalidade concreta “avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidade do residuo desde que entra nas instalacións desta Sociedade ata que sae das mesmas convertido en recurso, ben para ser reciclado ou ben convertido xa en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclábel”.
Isto, segundo sinala a Xunta, “permitirá á empresa pública ofrecer un servizo adicional aos concellos adheridos (295, que representan case o 94% de todos os da comunidade) para unha xestión eficiente da documentación, co conseguinte aforro de tempos, constituíndo o dato un elemento esencial para a toma de decisións”.
Tamén dentro do seu plan de transformación dixital (R-Dixital), e precisamente vinculado ao proxecto Traza, SOGAMA xa está a traballar no desenvolvemento do denominado Portal do Cliente a fin de optimizar as comunicacións coas entidades locais ás que dá servizo, propiciando así o intercambio de información de interese.
O portal, que se concibe como “unha solución integral, dinámica e intuitiva, con acceso centralizado e en tempo real”, ofrecerá aos usuarios “unha contorna dixital na que poderán consultar información actualizada, recibir alertas e notificacións, trasladar solicitudes e suxestións, xestionar distinto tipo de documentación e axilizar a tramitación administrativa”.
Así, as entidades locais terán acceso aos datos vinculados ás fraccións de residuos xestionadas por SOGAMA, contratos entre as partes, xeración de informes personalizados a partir das consultas recibidas, alertas e avisos, entre outros. Amais, “o portal incorporará a posibilidade de obter proxeccións a futuro da evolución da xeración de distintos tipos de residuo, acompañadas dunha porcentaxe de fiabilidade, presentando escenarios probábeis e facilitando a anticipación aos cambio”, informou a Xunta.