SOGAMA conmemorou o Día do Medio Ambiente cunha campaña online sobre as tres erres

xoves, 6 de xuño do 2019 Redacción

Este 5 de xuño celebrouse o Día do Medio Ambiente e a empresa pública galega SOGAMA quixo celebralo cunha campaña en liña dirixida a visualizar e reivindicar o poder das “tres erres”. Ou sexa, o potencial (para nós, para a natureza, para o futuro) de reducir, reutilizar e reciclar. A campaña dixital incluíu un manual de boas prácticas sobre a dita metodoloxía de acción cotiá sustentábel así como catro micro-vídeos que mostran o uso correcto dos principais contedores de recollida selectiva nas vías públicas (amarelo, azul, iglú verde e verde xenérico). A iniciativa acompañouse do seguinte epígrafe: #RRR. O Medio Ambiente necesita a túa axuda.
A campaña foi principalmente dirixida aos 295 concellos adheridos ao modelo de xestión de SOGAMA a fin de axudalos a implantar medidas efectivas coas “que minorar a xeración de refugallos en orixe e incrementar as súas porcentaxes de reciclado”.
No material achegado faise fincapé no axeitado uso dos contadores. Desta maneira, lémbrase que o contedor amarelo destínase a acoller envases de plástico, latas e briks, “nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios”; que o contedor azul está concibido para os envases de cartón e papel, debendo evitar elementos accesorios tales como argolas, grampas e arames e, por suposto, panos de papel sucios e cartóns manchados con graxa e aceite; que o iglú verde debe acubillar envases de vidro (botellas, frascos e tarros), “nunca vidros especiais como poden ser os vasos de cristal, espellos, cristais de fiestras e parabrisas de coches”; e que o contedor verde “constitúe o último elo para depositar a fracción non reciclábel”.

PUBLICIDADE