SOGAMA e o CITIC queren mellorar a clasificación de envases a través de IA
martes, 19 de marzo do 2024
A sede compostelá da Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu a pasada semana a posta en marcha do proxecto europeo GRESINT, que encabeza a empresa pública SOGAMA e que conta coa participación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, ademais das institucións lusas LIPOR e a Universidade de Beira Interior (UBI). Trátase dunha iniciativa punteira que persegue “mellorar a clasificación de envases a través de tecnoloxías intelixentes que serán testadas mediante tres pilotos nas plantas de clasificación de envases de SOGAMA e LIPOR”. O obxectivo é “dar un paso adiante de cara a cristalizar os obxectivos marcados por Europa en materia de reciclaxe”.
Por parte do CITIC participaron nesta presentación os investigadores Miguel A. Rodríguez Luaces e Carlos Vázquez Regueiro, quen xunto coa directora xeral de SOGAMA, Mirta Sueiro; o xestor de LIPOR e un profesor da Universidade da Beira Interior expuxeron os principais aspectos da iniciativa.
GRESINT: Xestión Intelixente dos Residuos
O consorcio contempla a incorporación de tecnoloxías intelixentes á xestión de residuos de envases lixeiros, é dicir, aqueles depositados pola cidadanía nos colectores amarelos de recollida selectiva. Cun orzamento de 787.544,67 euros, enmarcado na terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), e unha duración de 3 anos (desde xullo do 2023 a xuño de 2026), este proxecto desenvolverá un piloto de plataforma de Intelixencia Artificial para mellorar a recuperación e a reciclaxe de envases, contemplando a incorporación de distintos dispositivos, como é o caso de sensores, que permitan levar a cabo unha xestión anticipativa do proceso e mellorar así o resultado final.
O CITIC da UDC é un dos socios promotores do consorcio GRESINT en Galicia, ademais de SOGAMA. No caso de Portugal, contarase coa participación da Asociación de Municipios para a Xestión Sostible dos Residuos do Gran Porto (LIPOR) e da Universidade de Beira Interior (UBI), situada na cidade de Covilha.