Sada aposta polos códigos QR e o ecommerce para reactivar o comercio e a hostalería

martes, 7 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Sada, a través da Concellería de Promoción Económica, Turismo e Emprego, presentou unha campaña de promoción comercial e transformación tecnolóxica ao servizo dos establecementos locais e da cidadanía. Trátase da iniciativa Sada espazo seguro, que ten entre os seus obxectivos concretos “recoñecer o esforzo do tecido empresarial sadense nos protocolos de seguridade pola COVID-19”. Para conseguilo, o Concello expedirá selos de confianza entre os locais que se adhiran e garantan o protocolo estatal de boas prácticas.
Esta aposta pola seguridade materializarase na aplicación e posta e marcha de códigos QR para os establecementos de hostalaría, aos que se lles ofrecerá gratuitamente a posibilidade de transformar as súas cartas en códigos QR para adaptarse así á normativa actual contra a COVID, que prohibe o uso de cartas individuais.
En relación aos comercios de Sada, e de cara ao futuro, o Concello ofreceralles a posibilidade de participar nunha plataforma virtual de ventas. Este punto común virtual de ecommerce atópase en fase de desenvolvemento e nel terán cabida aqueles establecementos ou persoas autónomas do sector que desexen vender os seus produtos na Rede. Estas accións súmanse a outras medidas coas que o Concello de Sada está apoiando o comercio e a hostalería no seu regreso á actividade. Entre elas, destaca a moratoria no cobro de impostos, a posibilidade de modificar terrazas en vía pública ou o reparto de elementos informativos e de material de prevención e seguridade.

PUBLICIDADE