Sae á venda Star Wars: Squadrons

venres, 2 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Os combates de cazas estelares, que tantos bos momentos deron en ordenadores persoais durante a década dos 90 con varias series de xogos ambientados no universo de Star Wars, están de volta con Star Wars: Squadrons, xogo que xa está dispoñible para PC, Xbox One e PlayStation 4 a un prezo de 39,99 euros (co que deixan claro que non é unha superprodución).
Este novo título de Electronic Arts desenvolvido por Motive convídanos a participar en combates espaciais multixogador en primeira persoa, permitindo que nos poñamos aos mandos de cazas do Imperio ou da Nova República para combater en batallas de 5 contra 5 nas que hai que completar obxectivos tácticos en escenarios moi recoñecibles do universo de Star Wars.
Aparte da trepidante acción tamén é posible personalizar armamento e aparencia, desviar a enerxía a marcas, escudos ou motores e gozar dunha inmersión total na cabina dos cazas, algo que en PlayStation 4 poderán gozar de xeito especial os usuarios que conten cun casco de PlayStation VR, mentres que en PC tamén é compatible coa meirande parte de cascos de realidade virtual, o que é un punto moi a favor deste título que, ao non chegar a prezo completo terá moito máis doado captar a atención de xogadores que tanto sexan seareiros dos clásicos xogos de X-Wing vs. TIE Fighter como de simples curiosos que queiran gozar dunha experiencia de realidade virtual ambientada nun universo cinematográfico moi familiar (cómpre lembrar que o xogo está ambientado tras os acontecementos de O Retorno do Jedi).

Tráiler de Star Wars: Squadrons

PUBLICIDADE