Sae á venda The Spectrum

venres, 22 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Chegou a data sinalada para moitos amantes do clásico ZX Spectrum de Sinclair, pois xa está dispoñible en tendas The Spectrum, unha recreación do clásico ordenador creado por Sir Clive Sinclair que replica a súa aparencia exterior (incluíndo as súas icónicas teclas de goma) aínda que podendo correr xogos até das versións máis modernas desta serie de ordenadores que marcou a década dos 80 en España.
The Spectrum inclúe 48 xogos preinstalado (permitindo a carga doutros xogos a través de USB), que poden xogarse directamente tras conectar o equipo a unha pantalla a través de HDMI, facilitando diferentes opcións de personalización da visualización (como definindo os marcos da pantalla ou aplicando filtros para simular os vellos televisores de tubo), e incluso permitindo optar por simular a experiencia de carga dos xogos como se os tivésemos en casete. Entre as funcións adicionais tamén cómpre salientar a posibilidade de gardar partidas (até 4 por xogo) e incluso poder gozar da posibilidade de rebobinar a acción (o que facilita a superación das fases máis complicadas dos títulos máis esixentes).
Nos portos USB tamén é posible conectar mandos de xogo e, aínda que funcionan case todos os dispoñibles no mercado, dende Retro Games tamén están a distribuír un mando chamado The Gamepad que presenta unha estética moi acorde con The Spectrum.
Aínda que a edición ordinaria de The Spectrum xa inclúe títulos españois como Army Moves, Freddy Hardest e Phantis, cómpre salientar que nas tendas Game están a vender unha edición especial da máquina que inclúe dous xogos descargables adicionais (Viaje al centro de la Tierra e Wells & Fargo), así como unha caixa con ilustracións de Alfonso Azpiri (autor de moitas das portadas dos xogos españois da época).

A edición especial que venden nas tendas Game inclúe 2 xogos adicionais e unha caixa con ilustracións de Azpiri

Tráiler de lanzamento de The Spectrum