Sae á venda a PlayStation 4 Pro

xoves, 10 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que pode darse por rematada unha grande etapa na historia das consolas de videoxogos, xa que pon fin ás tradicionais xeracións de consolas, creando un chanzo intermedio a xeito de actualización de hardware que supón unha aproximación das consolas domésticas aos ordenadores persoais, xa que chega ao mercado a PlayStation 4 Pro, unha revisión da PS4 que mantén a compatibilidade con todo o seu software pero que dá un paso adiante a nivel gráfico abrindo a porta á ultra alta definición, aínda que sen chegar a ter potencia dabondo para correr de xeito nativo todos os seus contidos en 4K (algo para o que probablemente haxa que agardar a unha futura PS5).
A nova PS4 Pro é un produto que distínguese de xeito doado da PS4, xa que en vez de estar composta por dous grandes bloques, conta con tres partes diferenciadas, ou sexa, cun grosor considerablemente superior, para poder albergar unha nova tarxeta gráfica e conseguir tamén unha maior disipación de calor, para poder funcionar cunha potencia superior, de xeito que pasaría de 1,84 TFLOPS a 4,20 TFLOPS, o que tamén ten un claro impacto no seu consumo (a última PS4 chega ata os 165 watts mentres que a PS4 Pro pode consumir 310 watts).
A mellora de potencia da PS4 Pro resulta especialmente atractiva en dous escenarios: a ultra alta definición e a realidade virtual. No caso de que teñamos un novo televisor 4K con HDR, a PS4 Pro permitiría aproveitar a elevada resolución da pantalla tanto en xogos como en contidos multimedia de YouTube e Netflix; e no caso de contar cunha PlayStation VR, confíase en que a nova consola achegue unha potencia que permita mellorar a experiencia inmersiva. Os usuarios que non teñan un televisor 4K en moitos casos tamén poderán beneficiarse da potencia adicional nos xogos que estean preparados para tal fin, que conseguirían unha maior fluidez e calidade gráfica (de feito haberá títulos que, como veñen facendo tradicionalmente no PC, permitirán que o xogador sexa o que decida se quere gozar de máis definición ou de maior velocidade de fotogramas, adaptándose así aos distintos gustos dos usuarios).
A nova consola sae a un prezo oficial de 399,99 euros e de saída xa ten máis de 30 xogos adaptados para poder gozar das súas melloras gráficas, aos que iranse engadindo máis títulos, así como os novos lanzamentos. Entre as mellora incorporadas á consola tamén estaría unha mellor conectividade (pasaría de Bluetooth 2.1 a 4.0, de USB 3.0 a 3.1, e de Wi-Fi N a Wi-Fi AC de dobre banda), o novo mando Dual Shock (que tamén funciona por USB para evitar interferencias, especialmente durante competicións) e a posibilidade (se a conexión o permite) de empregar o Share Play e o xogo remoto a 1.080p.

Vídeo de lanzamento da PS4 Pro