Sae á venda a SEGA Mega Drive Mini

venres, 4 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Tras o éxito das consolas mini de Nintendo dende Sony fracasaron estrepitosamente ao querer facer o mesmo coa súa primeira PlayStation, pero a nova máquina en sumarse ao fenómeno semella que non vai ir polo mesmo camiño, xa que trátase dun produto bastante coidado que non recibiu máis que boas críticas: a SEGA Mega Drive Mini.
Trátase dunha réplica a escala da primeira Mega Drive de SEGA que queda en só o 55% do seu tamaño, aínda que os seus dous mandos USB incluídos si son bastante fieis aos orixinais, e en vez de funcionar con cartuchos inclúe 42 xogos precargados. A pequena consola, como as súas predecesoras, aliméntase por USB e conéctase a televisores e monitores mediante HDMI, evitando así as complicacións para poder gozar dunha consola clásica nunha pantalla actual.
Entre os xogos integrados na SEGA Mega Drive Mini están o imprescindible Sonic The Hedgehog, a conversión da recreativa Golden Axe, o violento Streets of Rage 2, o frenético Road Rash II e incluso clásicos como Castle of Illusion, Tetris, Darius ou Strider, polo que os 79,99 euros que custa a máquina son considerados un bo investimento por moitos amantes do retro. A consola podemos atopala nas tendas a partires de hoxe mesmo, e ten moitas bazas para converterse nun agasallo de Nadal.

Tráiler de lanzamento da SEGA Mega Drive Mini

PUBLICIDADE