Sae á venda en España o Samsung Galaxy Z Fold2

venres, 18 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O smartphone con pantalla encartable Samsung Galaxy Z Fold2 chega a España a un prezo de 2.009 euros, ofrecendo grandes melloras con respecto á súa anterior xeración, demostrando que este formato de móbiles está a madurar e cada vez ten máis sentido, aínda que o seu prezo segue a ser un atranco para chegar ao grande público.
O Galaxy Z Fold2 ten como punto forte unha pantalla encartable de 7,6 polgadas con tecnoloxía Dynamic AMOLED 2X e cun orificio para unha cámara frontal (en contraste do encartable de Huawei, que pese a ser máis caro, carece de tal cámara, o que impediría a realización de videoconferencias coa pantalla principal), aínda que a súa bisagra tamén xoga un rol moi importante, ao poder manter posicións intermedias, de xeito que podemos gozar de modos de uso no que o móbil funcionase como se tivese dúas pantallas independentes, o que abre moitas posibilidades.
Fronte ao anterior Fold, o novo modelo destaca pola súa pantalla externa de 6,2 polgadas, que permite desta volta que encartado se comporte como un smartphone totalmente funcional, mentres que o reducido tamaño do modelo anterior facía complicado o seu aproveitamento. Amais, esta pantalla tamén pode aproveitarse para visualizar o que está a captar a impresionante cámara traseira tripla, para así poder empregala como unha cámara de selfies de auténtico luxo.
O Galaxy Z Fold2 está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 865+, e cunha batería de 4.500 mAh, de xeito que temos un dispositivo de grande potencia, capaz de mover varias aplicacións á vez sen problema, e cuns acabados de calidade que deixan ver que estamos ante un auténtico gama alta que senta as bases dun produto que basicamente como marxe de mellora ten a previsible evolución da súa pantalla e a futura incorporación dun S Pen (elemento que podería convertelo no mellor dispositivo do mercado para a produtividade móbil).

A pantalla encartable de 7,6 polgadas permite que o Galaxy Z Fold2 poida empregarse a xeito de tableta

Vídeo de lanzamento do Samsung Galaxy Z Fold2

PUBLICIDADE