Sae á venda o novo móbil aberto de OpenMoko

luns, 7 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A finais de 2006 OpenMoko anunciaba que ía comercializar un teléfono móbil, o Neo 1973, que sería totalmente libre, tanto a nivel de hardware coma de software, convertendo este soño en realidade en xullo de 2007, e agora, un ano despois, dan un paso máis adiante cun novo terminal, o Neo FreeRunner, que se pode encargar dende o pasado venres, e que hoxe comeza a enviarse a distribuidores e consumidores.
O novo móbil aberto conserva a mesma filosofía que o seu predecesor, pero conta cunhas prestacións técnicas máis avanzadas. Estamos así ante terminal tribanda, con pantalla táctil de 2,8 polgadas cunha resolución de 480 x 640 píxeles, Wi-Fi, aGPS, Bluetooth 2.0, 128 Mb de RAM e 256 Mb de memoria Flash e sensores de movemento.
Por desgraza, o custo deste terminal (que non conta con tecnoloxía 3G) é bastante elevado, vendéndose a 399 dólares o que fai que sexa un produto só válido para desenvolvedores que desexen tirar proveito de todas as prestacións do equipo ou adaptalo para unhas necesidades moi concretas grazas a que incluso os esquemas do seu hardware son públicos.

PUBLICIDADE