Sae á venda o primeiro número da renovada revista MicroHobby

luns, 23 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Rematou a espera para facerse co primeiro número da renovada revista MicroHobby, que un grupo de entusiastas da informática retro a devolven á actualidade tras 33 anos conservando incluso a súa numeracións tradicional. Así, os interesados en lembrar a publicación que deixou unha fonda pegada nas persoas que se introduciron no mundo da informática doméstica nos anos 80 poden adquirir o seu número 218 vía web.
Este novo número de MicroHobby está dispoñible para a súa compra en formato PDF por un prezo de 4,99 euros, en formato papel por 10,99 euros máis portes e en ambos formatos por 12,99 euros máis portes, prevéndose o envío da edición impresa para o 14 de xullo, mentres que a edición dixital estará dispoñible a partir do 16 de xullo.
A nova etapa de MicroHobby tamén pode adquirirse en formato de subscrición, coa esperanza de que a publicación estea dispoñible cada 6 semanas.
O equipo da nova MicroHobby está formado principalmente por parte do equipo de redacción da publicación a primeiros dos anos 90, como Gabriel Nieto, Ángel de Andrés, Juan Carlos García, Marcos García ou José Luís Sanz, sen esquecer a clásicos colaboradores como Andrés Samudio, mentres que nas ilustracións de portada será Jesús Martínez del Vas quen collerá a remuda do desaparecido José María Ponce, a quen rende tributo neste número 218 homenaxeando a portada que Ponce fixera no primeiro número da publicación (substituíndo ao neno montado nun Sinclair QL con forma de bicicleta por un retrato do propio Ponce).
Para non pecharse unicamente a seareiros do ZX Spectrum, nesta nova etapa a MicroHobby tamén terá espazo para Amstrad CPC, MSX e Commodore 64, converténdose así nunha publicación imprescindible para os amantes dos ordenadores de 8 bits que tanto impacto tiveron en España a finais dos anos 80.

Vídeo no que dan conta da apertura da venda da revista MicroHobby