Salientan as posibilidades da IA como panca de competitividade e emprego

mércores, 24 de setembro do 2025 Redacción

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no panel Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial, no marco do evento Galia Tech, celebrado no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. No seu relatorio destacou que a intelixencia artificial «supón para Galicia unha panca de transformación» e que representa un factor estrutural de competitividade que marcará «a diferenza entre liderar ou quedar atrás».
Segundo explicou, a curto prazo a intelixencia artificial permitirá ás empresas galegas reducir custos, optimizar procesos produtivos e mellorar a súa capacidade de anticipación, mentres que a medio prazo abrirá novas oportunidades de internacionalización e diferenciación con produtos e servizos de maior valor engadido. Mencionou, entre outros, sectores como a industria, o agroalimentario, o naval, a automoción, a enerxía ou a saúde, nos que esta tecnoloxía xa está a ofrecer solucións concretas.
A responsable do Igape recoñeceu que a adopción segue a ser reducida, sobre todo nas microempresas e nos autónomos, mais incidiu en que «a responsabilidade da Xunta é derrubar barreiras e garantir que ninguén quede atrás».
Neste marco, puxo en valor o apoio ás startups e ao emprendemento innovador como motores de transferencia tecnolóxica e dinamización do tecido produtivo. Toca lembrou que a Xunta de Galicia promove instrumentos como o programa de axudas para empresas IA360, as Business Factories sectoriais ou os hubs europeos DIHGIGAL e DATAlife, que achegan tecnoloxía a pemes e autónomos, favorecen a creación de novas empresas e fortalecen a súa conexión con investidores e mercados internacionais.
Por último, referiuse ao impacto da intelixencia artificial no mercado laboral, defendendo unha visión optimista baseada na formación, na captación de talento e na creación de emprego cualificado. Concluíu sinalando que a prioridade da Xunta é que a transición cara a esta tecnoloxía «sexan unha historia de éxito compartido», na que Galicia se consolide como referente europeo en innovación, sustentabilidade e talento.