Salvador Naya (CITIC) clausura no Ecuador o XVIII Encontro de Matemática e as súas Aplicacións

martes, 23 de xuño do 2026 S. P.

Salvador Naya, investigador do CITIC da Universidade da Coruña, participou a pasada semana como relator convidado no XVIII Encontro de Matemática e as súas Aplicacións, celebrado en Quito (Ecuador), na Escola Politécnica Nacional (EPN).
O encontro, organizado polo Departamento de Matemática da EPN, conmemorou ademais o 50.º aniversario desta unidade académica, reunindo persoal investigador, docente e profesional de distintos ámbitos vinculados ás matemáticas e ás súas aplicacións.
No marco do congreso, Salvador Naya impartiu a conferencia de clausura, titulada Dos datos á acción: transferencia de tecnoloxía no Ecuador mediante métodos estatísticos de control da calidade e fiabilidade. Durante a súa intervención presentou diversas experiencias de transferencia de coñecemento desenvolvidas conxuntamente por equipos de investigación de España e do Ecuador, mostrando como as metodoloxías estatísticas avanzadas poden contribuír á mellora dos procesos industriais e a unha toma de decisións máis sólida baseada en datos.
A conferencia abordou casos reais en contornas de manufactura, laboratorios de calibración e sistemas de monitoraxe industrial, onde ferramentas de control estatístico da calidade, análise de fiabilidade e modelado metrolóxico foron adaptadas ás necesidades e restricións dos contextos locais. “Estas iniciativas permitiron obter melloras concretas na estabilidade dos procesos, na avaliación da conformidade e na cuantificación da incerteza, poñendo de manifesto o impacto práctico da investigación aplicada”, explicou o investigador, ao tempo que destacou a importancia da colaboración sostida entre universidades, centros de investigación e o sector produtivo para garantir unha transferencia efectiva do coñecemento e favorecer o desenvolvemento industrial baseado en metodoloxías científicas rigorosas.
Durante a súa estadía no Ecuador, tamén mantivo unha reunión de traballo con persoal investigador da Universidade das Forzas Armadas (ESPE), co obxectivo de fortalecer as relacións académicas e explorar novas oportunidades de colaboración en ámbitos relacionados coa estatística aplicada, a calidade e a fiabilidade.