Salvador Naya, Javier Tarrío e Miguel Alfonso Flores publican un libro sobre control da calidade na Industria 5.0

luns, 3 de marzo do 2025 S. P.

Control estatístico da calidade para a industria 5.0 é o título do libro, publicado recentemente, dos investigadores do CITIC da UDC Salvador Naya, Javier Tarrío, e Miguel Alfonso Flores, profesor da Escola Politécnica Nacional de Quito, Ecuador. Nel ofrécese unha visión integral e actualizada do control estatístico da calidade no contexto da revolución industrial máis recente.
Dende o CITIC salientan que un dos aspectos máis innovadores do libro é “o seu enfoque na resolución de problemas desde a estatística computacional”. Os autores proporcionan ferramentas prácticas para aplicar estas técnicas con software estatístico R, facilitando así a súa aplicación en contornas reais. Amais, abordan tendencias emerxentes como o control de calidade en tempo real, a xestión de datos complexos e os desafíos éticos asociados ao uso da Intelixencia Artificial en procesos industriais.
Este traballo traza a evolución histórica do control de calidade, desde os seus inicios ata as aplicacións máis avanzadas na Industria 5.0. Destácanse aspectos fundamentais como a colaboración humano-máquina, a personalización avanzada e a sustentabilidade, elementos clave na mellora de procesos industriais modernos.
Ao longo dos seus capítulos, a obra profunda en técnicas estatísticas novas, incluíndo os métodos para a análise e redución de variabilidade en procesos definidos por datos complexos, o control de calidade para datos funcionais e multivariantes, a aplicación do ensino estatístico (statistical learning) e da aprendizaxe máquina (machine learning) no control de calidade e as estratexias para mellorar a fiabilidade en sistemas intelixentes.
“Ofrecemos unha visión completa e actualizada de como garantir a calidade na era da dixitalización e a sustentabilidade. Este libro integra as innovacións máis recentes, como a colaboración humano-máquina, a personalización avanzada e o uso da IA. O noso obxectivo é proporcionar a profesionais, enxeñeiros e estudantes as claves para enfrontar os retos da industria do futuro”, explican os autores.
Salvador Naya Fernández é catedrático de Estatística e Investigación Operativa na UDC e investigador do CITIC, con máis de tres décadas de experiencia en docencia, investigación e xestión universitaria. O seu traballo céntrase no modelado estatístico e o control de calidade, liderando numerosos proxectos de investigación e transferencia coa industria.
Javier Tarrío Saavedra é enxeñeiro industrial e doutor en Estatística e Investigación Operativa. A súa investigación no CITIC enfócase no control estatístico da calidade e a estatística industrial. É autor de traballos científicos en diferentes áreas científicas como a estatística, enxeñería, ciencia dos materiais, eficiencia enerxética ou epidemioloxía, entre outras, sendo recoñecido con premios polas súas contribucións á innovación e transferencia do coñecemento en estatística.
Miguel Alfonso Flores Sánchez é profesor na Escola Politécnica Nacional de Quito (Ecuador) e doutor en Estatística e Investigación Operativa. A súa traxectoria abarca máis de 20 anos en investigación e consultoría en estatística computacional, machine learning e control de calidade. Liderou diversos proxectos nacionais e internacionais e conta cun destacado labor na aplicación de modelos estatísticos avanzados.