Samba de Amigo achégase aos dispositivos de Apple

martes, 1 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Durante a presentación do casco Meta Quest 3 hai un par de meses informouse de que un dos xogos que estarían en preparación para realidade virtual era Samba de Amigo, e dá a impresión de que esta franquía quere volver con forza ao mercado, xa que entre os xogos que anuncian que van chegar ao servizo de subscrición Apple Arcade en agosto figura Samba de Amigo: Party-To-Go.
Estamos ante un xogo de ritmo que recupera a fórmula do clásico título de SEGA, aínda que renovando o seu repertorio musical con máis de 40 cancións de distintos xéneros como The Edge of Glory de Lady Gaga, Daddy de PSY ou The Walker de Fitz and the Tantrums. Chegará a Apple Arcade o 29 de agosto.
Lembremos que Apple Arcade é un servizo de subscrición que ofrece máis de 200 xogos para dispositivos de Apple a un prezo de 4,99 euros/mes. Aínda que todos os xogos deste servizo son exclusivos, cómpre salientar que en moitos casos son títulos xa existentes aos que engaden un lema ao nome para diferenciarse, e que basicamente difiren do resto de xogos para dispositivos móbiles no feito de que non inclúen contidos de pagamento dentro das aplicacións (o que achega unha experiencia máis limpa e segura).

PUBLICIDADE