Samsung Electronics rexistra os mellores resultados da súa historia

martes, 31 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A renuncia de Oh-Hyun Kwon, vicepresidente de Samsung Electronics, no marco dunha «crise sen precedentes» contrasta cos resultados financeiros da empresa para o terceiro trimestre do ano, que parece que non poderían ser mellores, xa que a empresa surcoreana rexistrou uns ingresos de 62,05 billóns de wons (50.000 millóns de euros), o que supón uns beneficios trimestrais de 14,53 billóns de wons (10.000 millóns de euros), de xeito que conseguiría os maior beneficios na historia da compañía.
Os bos resultados de Samsung corresponden principalmente á súa división de semicondutores, xa que a compañía subministra compoñentes para fabricantes de smartphones e servidores de todo o mundo, sendo incluso un dos meirandes provedores de pantallas de smarpthones. Temos así que o negocio de chips de memorias NAND e DRAM foi moi importante, así como o de pantallas (tanto OLED como LCD), que conseguirían consolidar aposición de Samsung Electronics a nivel mundial.
O negocio móbil tamén experimentou un incremento non só grazas ao lanzamento do Galaxy Note8, senón tamén pola boa acollida que está a ter a familia Galaxy J, xa que parece que as gamas media-baixa están a ter cada vez maiores vendas.
No que a televisores se refire, os novos dispositivos con pantalla QLED, situados nunha gama premium, conseguiron mellorar trimestralmente os ingresos desta división, que en termos interanuais caeu lixeiramente dado o incremento dos custos dos paneis LCD e da cada vez máis reducida demanda de televisores.
As previsións de Samsung para os vindeiros meses continúan a ser optimistas, confiando en continuar o seu pulo alcista no negocio dos compoñentes (especialmente memorias NAND e paneis flexibles OLED), mentres que no sector dos smartphones confórmanse con consolidar posición e no ámbito da electrónica de consumo seguirán a apostar por produtos premium.

Novos directivos

Samsung aproveitou a ocasión para anunciar aos seus novos directores xerais que dirixirán a compañía nesta fase de crecemento. Deste xeito temos os presidentes Kinam Kim, Hyunsuk Kim e Dongjin Koh pasarán a encabezar as divisións de Solucións para Dispositivos, Electrónica de Consumo e Comunicacións Móbiles e TIC respectivamente.

PUBLICIDADE