Samsung, Huawei e Amazon, as peor situadas na guía verde de electrónicos

martes, 14 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Hai xente que acubilla en casa electrodomésticos dos anos sesenta e setenta que aínda están operativos, e mentres tanto os nosos contedores urbanos e os nosos puntos limpos ínzanse cada semana de televisores de pantalla plana sen posibilidade de amaño, móbiles desactualizados logo de (só) dous anos de vida, ou portátiles que xa non son quen de achegar os altos rendementos que lles esiximos. Boa parte da culpa témola nós, pero tamén, por suposto, as multinacionais do sector. Algunhas delas, como Samsung, Huawei e Amazon teñen, de feito, a dubidosa honra de aparecer ao final da nova guía verde de electrónicos que vén de elaborar Greenpeace. Que significa isto? Pois que en materia de prioridades para estas compañías, a produción, a indución a toda costa do consumo, está moi por diante do fomento da cadea de reaproveitamento. Na outra face da moeda, na positiva, están Apple, Fairphone, Dell e HP.
Samsung, Huawei e Amazon, sinálase na listaxe, non están soas. Hai milleiros delas, no sector tecnolóxico, apuntadas en exclusiva á fórmula de extraer, fabricar e refugar, un tipo de actividade “pouco innovador, que empeora o cambio climático, que alimenta o consumo de recursos naturais e que provoca grandes cantidades de refugallos electrónicos”, sinala Greenpeace, engadindo o feito de que boa parte deses refugallos endexamais seremos quen de velos: irán directamente ao terceiro mundo onde, paradoxos da vida, non haberá posibilidade algunha de darlles unha segunda ou terceira vida en condicións.
Para a organización ecoloxista, “é hora de que o sector tecnolóxico tire partido dos seus coñecementos para reinventar a forma en que os produtos electrónicos se producen e utilizan na nosa sociedade fabricando uns aparellos duradeiros, reparábeis, fabricados con enerxía renovábel e con posibilidades de reciclaxe”.
A campaña de Greenpeace pretende xuntar usuarios, técnicos e deseñadores para demandar que os aparellos electrónicos se deseñen doutra maneira. De aí o lanzamento de A guía verde de electrónicos, na que se recollen cales son as empresas TI máis ecolóxicas, quen lidera o camiño cara a unha economía circular e máis sustentábel. Na listaxe amósanse 17 das principais empresas de produtos electrónicos do mundo segundo o traballo realizado en tres áreas críticas: enerxía, recursos naturais e sustancias químicas. Á cabeza están Apple, Fairphone, Dell e HP. Na cola Samsung, Huawei e Amazon.

PUBLICIDADE