Samsung acapara máis do 40% das vendas de smartphones en Europa

luns, 12 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos daba a impresión de que Samsung estaba a perder pulo grazas ao crecemento de compañías como Huawei, pero no segundo trimestre do ano a compañía surcoreana conseguiu recuperar posicións en Europa, e dende Canalys estiman que conseguiu superar o 40% do mercado de smartphones, a cota máis elevada dos últimos 5 anos, con 18,3 millóns de teléfonos servidos, grazas en boa medida ao éxito da nova familia Galaxy A (que superou os 12 millóns de unidades).
O rival máis directo de Samsung, Huawei, experimentou unha caída do 16%, que os levou até os 8,5 millóns de unidades, mentres que Apple caeu un 17% con 6,4 millóns de unidades de iPhone vendidas. O cuarto posto en vendas quedaría para Xiaomi, que medrou un 48% chegando aos 4,3 millóns de unidades, e como quinto temos a HMD Global (propietaria da marca Nokia) que caeu un 18% enviando 1,2 millóns de smartphones.
Destes datos podemos entender que Samsung soubo aproveitar a mala situación de Huawei e tamén adaptou o seu catálogo ás demandas do mercado, de xeito que deu un importante pulo á súa gama media, conseguindo medrar nun momento no que o mercado de smartphones está a contraerse a nivel mundial.
Aínda que as marcas en primeiras posicións semelle algo inmutable a longo prazo, o liderado de Samsung, Huawei e Apple non está escrito en pedra, o que saben aproveitar compañías como Xiaomi, que en mercados como o español teñen unha grande forza, e aínda que non conseguen arrebatar compradores ás grandes marcas no que á gama alta se refire, en terminais máis económicos si están a ter unha cota de mercado moi importante, contribuíndo á erradicación doutras marcas, entre as que hai tanto compañías cativas (agora insignificantes) como auténticas empresas pioneiras no sector (como Sony, HTC e LG) que non conseguiron manterse, e teñen unha presenza que só poderiamos describir como anecdótica.

PUBLICIDADE