Samsung anuncia o seu novo sensor de imaxe de 200 Mpíxeles

martes, 17 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Samsung vén de presentar o seu último sensor de imaxe de 200 Mbpíxeles, o Isocell HP2, que promete a captación de impresionantes fotografías en futuros smartphones de alta gama, entre os que previsiblemente estarán os Samsung Galaxy S23 que se presentarán o vindeiro 1 de febreiro.
O sensor Isocell HP2 integra 200 millóns de píxeles de 0,5 micrómetros nun sensor de 1/1,3 polgadas, ou sexa, o mesmo tamaño que empregaban os sensores de 108 Mpíxeles da compañía surcoreana, polo que entendemos que os móbiles que incorporaban estes sensores terán doado dar o salto ao novo Isocell en futuros modelos.
Aínda que resulta evidente que un usuario normal non precisa disparar instantáneas de 200 Mpíxeles, esta elevada resolución é moi práctica para empregar a tecnoloxía de pixel-binning, ou sexa, que combinando varios píxeles conseguen imaxes máis luminosas e de maior nitidez. Como exemplo, este sensor podería comportarse como un sensor de 50 Mpíxeles cun tamaño de píxel de 1,2 micrómetros, ou como un sensor de 12,5 Mpíxeles cun tamaño de píxel de 2,4 micrómetros. Esta función tamén pode resultar práctica para gravar vídeos moi definidos até a 8K (resolución que precisa un sensor de 33 Mpíxeles).
Samsung asegura que o novo sensor consegue reducir a sensación de imaxe lavada que temos en condicións con moita luz grazas ao uso da tecnoloxía D-VTG, así como tamén presume dun enfoque automático capaz de operar con pouca luz facendo uso de Super QPD. Tamén consegue rexistrar diferentes niveis de sensibilidade con Smart-ISO Pro, podendo así disparar imaxes de 12,5 Mpíxeles e vídeos 4K a 60 imaxes por segundo con HDR.

PUBLICIDADE