Samsung anuncia unha versión económica do seu reloxo conectado

xoves, 13 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe o lanzamento do seu reloxo conectado Galaxy Watch FE, que estrea unha liña económica dentro desta familia de dispositivos para así chegar a un maior número de usuarios que queren tirar un maior proveito do ecosistema Galaxy.
O Galaxy Watch FE estará dispoñible en tamaño de 40 milímetros con caixa de aluminio en 3 cores distintas (negro, ouro rosa e prata) e novas correas, contando tamén cun cristal de zafiro que garante unha resistencia ante as rabuñaduras propias do uso diario.
Este reloxo conta cunha pantalla Super AMOLED de 1,2 polgadas cunha resolución de 396 x 396 píxeles con función always on a toda cor; funciona cun procesador Exynos W920 de dobre núcleo a 1,18 GHz, 1,5 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno; a súa batería de 247 mAh cárgase sen fíos; conta con conectividade Bluetooth 5.3, Wi-Fi de dobre banda, NFC, GPS e LTE (opcional); ten certificación IP68 contra po e auga; funciona con Wear OS (polo que está aberto a numerosas aplicacións); e entre os seus sensores destaca o Samsung BioActive que rexistra frecuencia cardíaca óptica, electrocardiograma e analiza a impedancia bioeléctrica.
Temos así un dispositivo capaz de seguir máis dun cento de adestramentos diferentes, analizar a composición corporal, notificar no caso de ritmo cardíaco irregular, axuda a controlar a tensión arterial e incluso pode resultar de utilidade para analizar o descanso nocturno e así axudar a crear un contorno favorable para durmir.
Estará dispoñible globalmente este verán.

PUBLICIDADE