Samsung celebra os 10 anos da familia Galaxy con grandes lanzamentos

mércores, 20 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Co gallo do décimo aniversario da gama de produtos Galaxy de Samsung, a compañía surcoreana quixo que os novos Galaxy S10 fosen uns produtos moi especiais, de xeito que chegarán ao mercado en 4 modelos atendendo a distintos perfís de usuario, apostando en todo momento por un grande deseño, unha pantalla innovadora, unha boa cámara e un rendemento notable.
Temos así que para os usuarios menos esixentes estará dispoñible o Galaxy S10e, un modelo con pantalla plana de 5,8 polgadas, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, cámara traseira dual de 12 Mpíxeles (con dobre apertura) e 16 Mpíxeles (con grande angular), cámara traseira de 10 Mpíxeles e apertura f/1.9, lector de pegada dixital lateral e batería de 3.100 mAh que pode cargarse tanto mediante USB-C como sen fíos. Chegará ás tendas o 8 de marzo a un prezo oficial de 759 euros.
Pola súa banda o Galaxy S10 sería o produto máis equilibrado, cunha pantalla Dynamic AMOLED de 6,1 polgadas, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara traseira tripla (cunha cámara de 12 Mpíxeles e dobre apertura, un grande angular de 16 Mpíxeles e un teleobxectivo estabilizado de 12 Mpíxeles), cámara frontal de 10 Mpíxeles, lector de pegada dixitais ultrasónico en pantalla e unha batería de 3.400 mAh que pode cargarse por USB-C ou mediante indución. Venderase a partires do 8 de marzo a un prezo de 909 euros.
Pero o smartphone estrela é sen dúbida o Galaxy S10+, que leva a súa pantalla Dynamic AMOLED até as 6,4 polgadas, e venderase en versión con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, de 8 GB de RAM e 512 GB de almacenamento e de 12 GB de RAM e 1 TB de almacenamento. A cámara traseira deste teléfono é tripla (cámara con apertura dual de 12 Mpíxeles, grande angular de 16 Mpíxeles e teleobxectivo estabilizado de 12 Mpíxeles) cámara frontal dual (cunha cámara de 10 Mpíxeles con apertura f/1.9 apoiada por outra de 8 Mpíxeles), sensor de pegada dixital ultrasónico en pantalla e batería de 4.100 mAh que cargarse rápido por USB-C e indución. Terémolo nas tendas a partires do 8 de marzo a un prezo de 1.009 euros para o modelo con 128 GB de almacenamento, 1.259 euros para o de 512 GB e 1.609 euros para o modelo con 1 TB de capacidade.
Finalmente tamén haberá un Galaxy S10 5G, que servirá para que moitos operadores poidan introducirse nas redes móbiles de nova xeración, aínda que este produto non ten unha data de lanzamento fixada (entendéndose que dependerá da implantación do 5G en cada mercado).
Cómpre dar conta de que estes terminais móbiles presumen de Wireless PowerCharge, ou sexa carga sen fíos reversible (que pode cargar outros dispositivos pousándoos sobre a súa traseira), elemento que terá bastante importancia nos vindeiros anos coa emerxencia de numerosos accesorios que empreguen carga por indución.
Dende Samsung tamén quixeron presentar novos produtos wearables da liña Galaxy, como o smartwatch deportivo Galaxy Watch Active, as pulseiras de actividade Galaxy Fit e Galaxy Fit e e os auriculares sen fíos e con carga por indución Galaxy Buds, aínda que o novo produto presentado que chamou máis a atención, e co que abriron a presentación como golpe de efecto, foi o Galaxy Fold, o primeiro teléfono do mercado con Dynamic AMOLED Inifinity Flex Display, ou sexa, un terminal encartable que presenta unha pantalla exterior de 4,6 polgadas cunha relación de aspecto de 21:9 (o coñecido como formato cinematográfico) que ao abrir o dispositivo desvela unha pantalla de 7,3 polgadas cunha relación 4,2:3, que non só ofrece un maior tamaño, senón que está optimizada para a multitarefa, podendo dividir o espazo en varias aplicacións á vez, facilitando tarefas como empregar a mensaxería instantánea mentres se reproduce un vídeo.
Curiosamente este novo smartphone conta con máis cámaras do que estamos afeitos, dado o seu formato. Ten unha cámara exterior de 10 Mpíxeles para selfies e logo unhas cámaras traseira e frontal na liña das do Galaxy S10+.
Chegará ao mercado no segundo trimestre do ano con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, batería de 4.380 mAh e un prezo aínda por determinar en España, pero que nos EE.UU. xa adiantaron que sería de 1.980 dólares, polo que estaríamos ante un dos smartphones máis caros do mercado, aínda que claramente o seu formato fai que tampouco sexa un produto dirixido ás masas.
Os novos Galaxy S10 xa poden reservarse en España premiándose as compras anticipadas do S10 e do S10+ cuns auriculares Galaxy Buds. De cara ao mercado español tamén temos con grande nova que o asistente virtual de Samsung, Bixby, por fin está dispoñible oficialmente en español (idioma engadido xunto co inglés británico, o alemán e o italiano) despois dun período de probas no que usuarios de certos móbiles de alta gama puideron gozar anticipadamente deste asistente accesible a través dun botón dedicado no seu dispositivo.

JPEG - 86.3 KB
Os novos Samsung Galaxy S10 chegarán ao mercado con corpos en cores atractivas

PUBLICIDADE