Samsung confirma que este ano non teremos Galaxy Note

luns, 26 de xullo do 2021 Marcus Fernández

JPEG - 104.7 KB
TM Roh

Samsung convocou aos medios para unha presentación para o vindeiro día 11 de agosto na que presentarán novos produtos dos que xa se filtraron case todos os detalles, e o presidente e director da división de comunicacións móbiles da compañía, TM Roh, decidiu contribuír a esta estratexia de adianto informativo confirmando que a familia Galaxy Z incorporará un móbil compatible con S Pen, dando a entender que a presentación do Galaxy Z Fold3 colle o relevo da presentación dos Galaxy Note, que finalmente non verían a luz este ano.
Que este ano non vaiamos ver un Galaxy Note ten bastante sentido, pois o Samsung Galaxy S21 Ultra xa é compatible con S Pen e os problemas de abastecemento de semicondutores porían complicado lanzar un novo móbil insignia con lapis dixitalizador. Ao incorporar o lapis ao móbil encartable de maior tamaño de Samsung podemos entender que os incondicionais do S Pen non quedan abandonados, e terán un terminal digno para a segunda metade do ano.
A incorporación de S Pen a unha pantalla encartable é un avance moi importante, xa que a punta dun lapis dixitalizador é un elemento moi agresivo, e haberá que ver como Samsung consegue superar tal atranco, conseguindo facer realidade un dispositivo que realmente si sería merecedor de lucir a marca Note, xa que sería moito máis semellante a un caderno que os anteriores móbiles con tal nome.

PUBLICIDADE