Samsung e Apple anuncian os seus eventos de setembro
xoves, 28 de agosto do 2025
Samsung vén de anunciar que o vindeiro 4 de setembro celebrará un novo evento Samsung Galaxy, no que amosará unha nova tableta e un novo smartphone da familia S25. A retransmisión do evento xa está programa a través de YouTube, para que os interesados poidan seguilo en directo facilmente.
Aínda que non adiantase os detalles, enténdese que a tableta que se presentaría sería a Samsung Galaxy Tab S11 coas súas variantes, e o teléfono que falla para completar a familia S25 sería o Galaxy S25 FE. Ambos produtos apostaría claramente pola intelixencia artificial como reclamo e a súa presentación serviría de anticipo á feira IFA de Berlín, que bota a andar o vindeiro día 5.
Pero resulta inevitable pensar que este evento de Samsung se celebra en tal data atendendo tamén ao feito de que Apple vén de anunciar o evento de presentación do vindeiro iPhone, que tamén poderá seguirse por YouTube, e que terá lugar o vindeiro día 9 ás 19:00 (hora española).
Está previsto que no evento de Apple, anunciado baixo o lema Awe Dropping, se presenten os novos iPhone 17 (incluíndo un novo modelo Air, máis delgado, que substituiría ao modelo Plus, máis grande), o Apple Watch Sereis 11, o Apple Watch Ultra 3 e os agardados auriculares AirPods Pro 3.
