Samsung e Google colaboran na creación de Android XR

xoves, 12 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O mercado da realidade estendida parecía limitarse a dous grandes competidores (Meta e Apple), e para mudar a situación Google leva meses colaborando con Samsung e Qualcomm para a creación de Android XR, unha plataforma que quere trasladar o seu éxito no sector dos smartphones a este escenario emerxente.
Destaca o feito de que Android XR fai unha aposta dende a súa orixe pola intelixencia artificial, buscando que as interaccións con esta nova forma de computación sexa máis natural e conversacional, pensando en que no futuro non esteamos só ante voluminosos visores que usar no fogar, senón que tamén poidan integrar esta tecnoloxía en lentes que poidamos empregar pola rúa no noso día a día.
Para a creación de aplicacións para Android XR están a pór moitas facilidades dende ferramentas como ARCore, Android Studio, Jetpack Compose, Unity e OpenXR, de xeito que os desenvolvementos de realidade virtual e estendida actuais poderán trasladarse ao novo ecosistema con facilidade.
Aínda que serán varios os fabricantes que se sumarán a esta iniciativa de Google, o primeiro que presentará un produto comercial será Samsung, coñecido actualmente co nome clave de Proxecto Moohan (moohan significa infinito en coreano) e vén a ser un visor que lembra en certa medida a Meta Quest Pro, con certos toques das Apple Vision Pro, tanto a nivel de hardware como de software, aínda que até que se presente oficialmente o produto non saberemos se será un produto masivo como as Meta Quest ou apostará por tecnoloxías máis avanzadas e prezos máis elevados.
O novo visor, aínda que parece de realidade virtual, está optimizado para a realidade estendida mediante vídeo con passthrough e un hardware cómodo e lixeiro, que como grande reclamo emprega a súa grande integración cos servizos de Google como os mapas, YouTube e Gemini, así como o feito de que as principais plataformas de vídeo en streaming estarán dispoñibles para estes novos visores (principalmente porque xa están presentes en Android), en contraste co que acontece co visor de Apple (que carece de aplicacións nativas das plataformas máis populares).
Coméntase que o visor de Samsung, aínda que permita o control coa vista e xestos, tamén contará con mandos físicos, e incluso será compatible cos xogos de VR para PC (que poderían xogarse mediante Wi-Fi), aínda que este tipo de detalles irán desvelándose con detalle máis adiante.
Polo momento son moitas as incógnitas ao redor de Android XR, pero polo momento xa queda clara a intención de crear un ecosistema para os visores e lentes de realidade estendida que chegarán nos vindeiros anos, tendo como principal atranco que Meta rexeitou a proposta de Google de unirse ao proxecto, de xeito que o axente con maior penetración no mercado seguiría indo pola súa conta, e será difícil consolidar unha terceira plataforma cando o volume de negocio é aínda moi reducido.

Vídeo no que Google presenta a súa visión de Android XR