Samsung e Huawei dominan a vendas de móbiles libres en España

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Táboa cos smartphones máis vendidos
en España no mes de novembro

Nos últimos días fálase moito do reaxuste á baixa das previsións de Apple por mor da forte caída en vendas do iPhone en China, pero en España a cousa non estaría a ser moi diferente, pois segundo datos da consultora Ideas Originales os móbiles de Apple non conseguirían situarse entre os 10 máis vendidos no mercado español en novembro (referíndose tal volume de vendas a terminais libres), top liderado por Huawei e Samsung, mentres que o iPhone 8 Plus estaría nun posto 15, o iPhone 8 nun posto 23, o iPhone 6s no 25 e o iPhone 6s Plus no 26, sen que ningún dos móbiles de nova xeración (iPhone X/Xs/Xr) fan acto de presenza entre os máis vendidos.
Ao parecer, a cota de mercado de Apple está estancada no 8%, conseguindo só incrementarse até o 9-10% cando se realizan un novo lanzamento, e o feito de que a compañía da mazá estea a reforzar a súa publicidade dá a entender que realmente ten que esforzarse para conseguir vender os seus terminais máis caros. Actualmente centran os seus esforzos en promocionar o iPhone Xr, pero no mercado español as vendas continúan a ser máis sólidas cos terminais máis económicos, especialmente a través de operadora.
Actualmente Samsung mantén o liderado do mercado libre co 26,5%, seguido moi de preto por Huawei (25%) e Xiaomi (24%), deixando realmente pouco espazo para o resto de fabricantes.

Pese aos esforzos publicitarios Apple non consegue mellorar a súa cota de mercado en España

PUBLICIDADE