Samsung entrará no mercado dos altofalantes conectados

xoves, 9 de agosto do 2018 Marcus Fernández

No marco da presentación do Galaxy Note9 Samsung quixo aproveitar para presentar o seu novo smartwatch e adiantar un produto sorpresa, o altofalante conectado Galaxy Home, que semella a resposta da compañía surcoreana ao HomePod de Apple, aínda que aparte da reprodución musical de calidade promete tirar grande proveito do asistente virtual Bixby.
Deste xeito, Samsung competiría non só con Apple, senón tamén cos dispositivos Google Home e Amazon Echo, situándose nunha carreira por ver quen consegue realmente ter unha grande presenza a nivel global, xa que até o momento boa parte dos altofalantes conectados limítanse ao mercado estadounidense, e agora que están a espallarse internacionalmente semella un bo momento para facerse un oco neste mercado emerxente.
O Galaxy Home é un dispositivo cun deseño curioso, xa que ten un corpo semellante a un crisol, cuberto de tea e soportado por 3 patas metálicas, contando na súa parte superior co botóns e integrando 6 altofalantes e 1 subwoofer, así como 8 micrófonos, de xeito que deberían ofrecer son envolvente e un bo recoñecemento de voz.
Polo momento Samsung só presentou o dispositivo, de xeito que tardarán uns meses en debullar as súas especificacións e o seu funcionamento, sendo polo momento unha incógnita cando chegará ao mercado, especialmente no caso español, xa que o asistente virtual Bixby polo momento só fala coreano e inglés.

PUBLICIDADE