Samsung estrea novos equipos da liña Chromebook

mércores, 16 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A utilización de ChromeOS en contornos educativos ten un grande éxito nos EE.UU., e Samsung Electronics quere trasladar a España este fenómeno, de xeito que a compañía surcoreana non se dá por vencida e amplía o seu catálogo de solucións para o sector educativo cos novos Samsung Chromebook 4+ e Chromebook 4, equipos portátil aptos tanto para docentes como para alumnos, que destacan por ofrecer unha experiencia de uso segura e rápida e teñen garantidas actualizacións até 2026.
Estes equipos de menos de 2 quilos de peso e 16 milímetros de grosor (pechados) prometen resistencia a golpes e non só funcionan con aplicacións baseadas en Chrome, senón que tamén permiten executar aplicacións de Android dispoñibles a través da tenda de Google Play.
O Chromebook 4 chega cunha pantalla de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, mentres que o Chromebook 4+ pode presumir dunha pantalla Full HD de 15,6 polgadas. Ambos teñen un procesador Celeron N4000, dende 4 GB de RAM, dende 32 GB de almacenamento interno, webcam de alta definición (720p), Wi-Fi 5, altofalantes estéreo e batería de 39 Wh con adaptador de corrente de 30 watts por USB-C. Cómpre salientar que mentres que o Chromebook 4+ pesa 1,7 quilogramos, o Chromebook 4 pesa só 1,18 quilogramos, de xeito que podemos entender que o usuario elixirá entre un ou outro en función da súa mobilidade. O Chromebook 4 véndese xa por 339 euros, mentres que o Chromebook 4+ ten fixado o prezo en 429 euros.